ENTREVISTA / VIDA

“Versogramas" de videopoesía

_MG_9760 copia_result
photo_camera Celia Parra.

Celia Parra comenzou a xuntar letras" cando era moi pequena, incluso lembra escribir a man pequenos contos que ilustraba ela mesma.

Celia Parra comenzou a xuntar letras" cando era moi pequena, incluso lembra escribir a man pequenos contos que ilustraba ela mesma. Na adolescencia pasouse á poesía e, ós dezasete anos, recibiu o seu primeiro premio literario. A necesidade de exteriorizar, entender e compartir unha certa sensación son os principais motivos que a levan a escribir. Na actualidade está nunha viaxe emocionante: "Versogramas", un proxecto transmedia que explora o panorama nacional e internacional da videopoesía por medio dun documental de creación, un webdoc, unha exposición museística e unha longametraxe experimental.

Á hora de escribir, en que se inspira?
Interésame moito o tema da identidade, a confrontación entre o que somos, o que queremos ser, e como nos din que temos que ser os diversos axentes externos, coma os medios de comunicación. Tamén me inspiran os procesos de comunicación e incomunicación, desgranar por que esa dificultade a veces de soltar palabras. Antes escribía máis sobre o amor e desamor, agora desa parte quédome coa intensidade do desexo. De feito, teño un proxecto web que relaciona erotismo e receitas de cociña. Por outra banda, a publicidade, o cotiá, os roles de xénero e a propia lingua creo que me son temas recorrentes ultimamente, case sempre con influencias do mundo do cine en canto á maneira de abordalos.

Que é o máis complicado á hora de crear un poema?
Para min, o máis complicado é depurar a linguaxe e condensar a expresión, para poder transmitir o concepto do poema coa elaboración xusta e a emoción necesaria. Precisamente porque non é unha regra matemática, medir as palabras, a cadencia e a forma require traballo e destreza. Outros aspectos importantes son atopar unha voz propia á hora de escribir, e transmitir ó lector ese abraio que acompaña á lectura do poema.

É díficil chegar á xente?
Hoxe en día é fácil chegar a máis persoas se se empregan as ferramentas de internet: redes sociais, blogs... Potencian o boca a boca (máis ben, o “pantalla a pantalla”) e serven de fiestra para amosar creacións. No meu caso, emprégoas máis para compartir videopoemas que para os textos escritos. Hai anos, lancei un CD de audiopoesía bastante macarra, Re(C)Verso, que se moveu moito por twitter e funcionou moi ben. Nunca me quitou o sono a cuestión de ser maioritaria ou minoritaria. Para min xa é motivo de orgullo recibir o cariño de quen me le, sexan dúas persoas ou duascentas.

A poesía e a xente nova... é complicado?
Penso que, por desgracia, moita xente nova ten aínda na cabeza unha imaxe da poesía como algo intelectual, aburrido, incomprensible, baleiro... E, por tanto, unha distancia enorme respecto á poesía, que ás veces se convirte en rexeitamento. Eu creo que, se nos centros de ensino, ademais da necesaria atención ós clásicos, se introducisen variedades de poesía máis accesibles e atractivas, esta visión iría mudando pouco a pouco. Refírome, por exemplo, á poesía musicada (tanto para público infantil-xuvenil como adulto), audiopoesía, poesía escénica, videopoesía, o formato slam... Por sorte, temos moitas creadoras e creadores en Galicia adicándose a estas formas híbridas que poden servir de referencia para o estudo nas aulas e para o contacto co alumnado.

Cales son os seus proxectos máis inmediatos?
Agora mesmo estou embarcada nunha viaxe emocionante: "Versogramas", un proxecto transmedia que explora o panorama nacional e internacional da videopoesía por medio dun documental de creación, un webdoc, unha exposición museística e unha longametraxe experimental. Naceu como idea orixinal propia, pronto contactei con Juan Lesta e Belén Montero (da produtora Esferobite) e agora estamos levando o proxecto conxuntamente. Aínda que é un proceso longo e traballoso, resulta moi satisfactorio porque reúne dúas cousas que me apaixonan, como son a poesía e o vídeo, e este non tan novo xénero da videopoesía que me parece fermosísimo. Actualmente temos todos os formatos desenvolvidos e estamos en proceso de financiamento, buscando apoios, socios coprodutores, patrocinadores ou inversións necesarias para comezar xa o proceso de produción.

Te puede interesar