UNIVERSITAS

As chaves que abren a memoria das persoas con TEA

Na publicación, titulada Desarrollo de memoria semántica en persoas con trastornos del espectro autista, Ojea Rúa propón o uso de nexos, de chaves, como parte da propia aprendizaxe.

Un rapaz está almorzando na cociña e pola ventá vese unha paisaxe. Unha persoa sen dificultades de aprendizaxe entenderá a imaxe no seu conxunto e lembraraa posteriormente. Unha persoa con trastorno do espectro autista TEA pode aprender a escena mecanicamente, sen atribuírlle un sentido; pode fixarse só en fragmentos dela, sen integralos no seu conxunto, ou centrar a súa atención nun elemento concreto. Neste último caso, non será entendida nin lembrada a longo prazo correctamente. No seu último libro, o docente Manuel Ojea presenta un innovador programa que permite aos rapaces e rapazas con TEA desenvolver a súa memoria semántica.

Na publicación, titulada Desarrollo de memoria semántica en persoas con trastornos del espectro autista, Ojea Rúa propón o uso de nexos, de chaves, como parte da propia aprendizaxe. Segundo explica o docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, as persoas con trastornos do espectro autista amosan dificultades na codificación da información en termos semánticos ou codificación na memoria de conxuntos de información máis ou menos significativos.

“A maior parte das dificultades que teñen están na integración semántica da información. É dicir, en atribuír significados ás aprendizaxes e aos estímulos que están observando. A súa tendencia é a analizar fragmentos das escenas, sen integralos na súa totalidade, ou a fixarse nun elemento que lle chame a atención, non no conxunto”, apunta. 

Neste contexto, salienta, xurdiu a necesidade de crear un programa para crear enlaces, nexos, entre eses fragmentos. O nexo, comenta, é a clave de entrada ao coñecemento, convértese en parte da aprendizaxe, non en algo alleo, e a súa complexidade depende das capacidades da persoa con TEA.

Estes enlaces, sinala Manuel Ojea, permiten un recordo a nivel de significados moito máis preciso e son “como a luz que lle dá sentido á escena”. Para que estas chaves funcionen, recalca, teñen que ser construídas polo propio rapaz ou rapaza, non ensinadas, e teñen que estar encadeadas se se quere relacionar diferentes contidos. Por exemplo, no caso da escena do almorzo, o nexo que se inclúe no libro para a súa aprendizaxe é que o propio neno pinta a escena que se ve pola ventá, debuxo que ao final da aprendizaxe recorta, pega e lle serve para lembrar o aprendido anteriormente.

Te puede interesar
Más en Universitas