Unha comisión velará pola xestión ambiental na comarca da Limia

210527_cons_MR_alcaldes_Limia_2 (1)
photo_camera Acudiron ao Salón de Plenos todos os alcaldes e alcaldesas da Limia, así como o rexedor de Xunqueira de Ambía.
O conselleiro de Medio Rural, José González, achegou a proposta aos alcaldes e alcaldesas limiás

Avanzar no Plan estratéxico do sector agrario para a comarca agrogandeira da Limia e achegar a proposta de creación dunha Comisión Interdepartamental que se ocupe de mellorar a xestión ambiental en canto aos residuos resultantes da actividade gandeira ou do regadío foron as cuestións principais que motivaron unha xuntanza de traballo entre os alcaldes e alcaldesas limiás co titular autonómico de Medio Rural, José González, e coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé este xoves no Salón de Plenos de Xinzo. Esta acción estivo enmarcada dentro dun plan inicial recollido na propia axenda da Mesa da Limia, entidade que se encarga de desenvolver, en palabras do conselleiro, unha “planificación estratéxica” da actividade agrícola e gandeira da Comarca da Limia e que incluiu un proceso de participación pública con máis de 140 persoas.   

Segundo lles avanzou González aos primeiros edís da Limia, dita comisión -sobre a que se consultará ás distintas entidades supramunicipais- estará integrada polas consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda -por parte da Xunta- e pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación -por parte da Adminstración Central-. “Temos esta proposta que é inicial e previa a un traballo conxunto para ir concretando as distintas cuestións”, puntualizou José González na súa visita á capital limiá. “Queremos avanzar na procura dunha actividade agrogandeira sostible e que teña unha capacidade de xerar valor engadido na Comarca da Limia”, engadiu o conselleiro de Medio Rural, que destacou a necesidade de “avanzar na gobernanza nun ámbito e nunha comarca na que hai cuestións que afectan a diferentes administracións e por isto propoñeremos a creación dunha Comisión Interdepartamental entre aqueles que teñen competencia no ámbito do regadío, no medioambiental, no tratamento dos puríns, e en toda a xestión da actividade agrogandeira”. 

Por último, José González asegurou que o Plan estratéxico do sector agrario para a comarca xa está “moi avanzado”.

 

ALCALDES E ALCALDESAS SOLICITARON AXUDA PARA AS PISTAS AGRÍCOLAS

Na xuntanza de traballo, que se prolongou durante máis de dúas horas e na que estiveron presentes todos os alcaldes e alcaldesas da Limia, así como o rexedor de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, trasladouse ao conselleiro de Medio Rural a necesidade de que a Administración Autonómica colabore no arranxo de pistas agrícolas e de acceso as explotacións gandeiras. “Dentro do Plan Estratéxico consideramos moi importante que se faga unha limpeza de canles e melloras das pistas de paso que se empregan todos os días. É necesario un proxecto de infraestruturas básicas”, explicou o alcalde de Sarreaus e presidente do GDR Limia Arnoia, Gumersindo Lamas, quen tamén avanzou unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil para que os alcaldes da comarca poidan trasladarlle as súas inquedanzas neste senso. “Farase unha valoración de costes e priorizaranse pistas para as primeiras actuacións, que agardamos que sexan neste ano. Pensaremos en clave comarcal”, apuntou Lamas. A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, apuntou que os concellos “non podemos facernos cargo da inxente cantidade de pistas agrícolas que temos”. Ambos agradeceron o compromiso de José González.

Te puede interesar