O PSOE critica o asfaltado das rúas na vila de Xinzo

Elvira Lama, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG no concello de Xinzo de Limia denunciou que trala actuación das brigadas de obras do Concello de Xinzo e da Deputación Provincial as rúas de Xinzo 'están peor que as pistas dos pobos'.
Lama fixo estas declaracións tras ser testemuña da actuación destas brigadas que provocaron unha polvareira que 'semellaba o domingo fareleiro, enmerdando coches, vivendas e peóns o seu paso', aseverou a socialista.

Neste senso Lama denunciou que 'as tarefas de bacheado das rúas consistiron nunha rega de asfalto cunha espesa capa de gravilla por enriba, o que supón que tanto nos días de choiva como nos días de calor as rúas de Xinzo sexan practicamente intransitables'.

Os socialistas lamentan a ineficacia e o desgoberno que rixe o Concello de Xinzo o permitir que estas brigadas utilicen este tipo de actuación mais propias de pistas de concentración parcelaria que de rúas dunha importante cabeceira de comarca.

Neste senso Lama lembrou que durante os días de intensas choivas e de treboadas provocaron que gran parte da gravilla fose arrastrada as redes de sumidoiros, provocando numerosas e graves inundacións en rúas, beiraruas, baixos e garaxes. Pola contra nos días de intenso calor o asfalto toma forma liquida e fai imposibles as rúas, tanto para vehículos como para os viandantes. Os primeiros, ocasionándolles graves danos nas carrozarías e os segundos no calzado cada vez que teñen que cruzar o asfalto, unha práctica habitual, xa que moitos dos lugares afectados son rutas de paseo dos veciños.

Te puede interesar