ECOAGRO

A Xunta apoia a mellora dos montes de Porqueira

Susana Vázquez e Marisol Díaz no carreiro das Fervenzas do río Fírveda.
photo_camera Susana Vázquez e Marisol Díaz no carreiro das Fervenzas do río Fírveda.
Convocáronse axudas para proxectos de recuperación da biodiversidade

A Xunta segue apostando pola posta en valor dos espazos Rede Natura 2000 existentes en Galicia, un compromiso que se plasma desde hai anos na convocatoria de axudas para apoiar a execución de obras e iniciativas co obxectivo común de mellorar e protexer a biodiversidade destes espazos.

Así o salientou onte a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, quen visitou o municipio ourensán de Porqueira coincidindo co Día europeo de Rede Natura 2000 para achegarse ata o carreiro das Fervenzas do río Fírveda, onde o Concello recibiu unha subvención autonómica para executar no período 2022-2023 traballos de mellora e sinalización cos que reforzar o uso recreativo desta zona, incluída na ZEPA A Limia.

Ao respecto, a directora xeral felicitou á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, polos resultados da actuación e lembrou que o pasado mes de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou unha nova orde de axudas destinada a financiar futuros proxectos para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural que a rodean.

Cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, Marisol Díaz explicou que esta nova convocatoria bianual de axudas está dirixida a concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, persoas físicas, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común que queiran impulsar proxectos para, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas.

O 12% do territorio galego

Ademais, tamén poderán recibir financiamento para levar a cabo actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria en Rede Natura, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.

Tras lembrar que na comunidade galega preto de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura -o que abrangue o 12% do territorio-, a responsable autonómica explicou que con esta orde de axudas a Xunta busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan a Rede Natura, a maior rede de espazos protexidos do mundo, que atesoura un altísimo patrimonio ecolóxico, social e económico e que, incidiu, cómpre poñer en valor e divulgar entre a cidadanía, motivo polo que cada 21 de maio se conmemora a nivel europeo, coincidindo coa data de aprobación da Directiva Hábitats en 1992

O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia é o instrumento básico para a planificación, ordenación e xestión en rede das zonas de especial conservación (ZEC) e das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA). A aprobación deste instrumento permite a transformación dos 59 lugares de importancia comunitaria (LIC) en zonas de especial conservación (ZEC), dando asi cumprimento ás esixencias establecidas na normativa estatal e europea. 

Plan director

O chamado Plan Director constitúe unha ferramenta de ordenación dos recursos naturais de todos os espazos incluídos na Rede Natura 2000 de Galicia. O Plan define un programa de medidas encamiñado a harmonizar a conservación dos hábitats e especies cos usos e aproveitamentos necesarios para garantir o desenvolvemento dos habitantes do territorio incluído na Rede Natura 2000. 

O obxectivo principal do devandito Plan é manter ou, se é o caso, restablecer un estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

Te puede interesar