A rede de viais da parcelaria de Rairiz costará 1,7 millóns

Logo dos traballos de restruturación realizados, 18.875 parcelas convertíronse en 2.129 fincas

O conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, anunciou esta semana o inicio -este mesmo ano- das obras correspondentes á rede de camiños secundarios na concentración parcelaria de Guillamil - Sabariz, unha intervención que, tal e como subliñou o titular de Medio Rural, terá un custo total superior aos 1,7 millóns de euros.

González trasladou esta información á rexedora local de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, nun encontro telemático no que tamén estivo presente a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e no que se abordaron tamén outras cuestións vencelladas aos intereses e demandas dos veciños desta localidade da Comarca da Limia. 

A parcelaria de Guillamil - Sabariz atópase, tal e como subliñaron dende a Consellería, en fase de acordo, e afecta a unha superficie total de 1.368 hectáreas propiedade de 1.071 veciños deste entorno. Os traballos realizados neste punto ata o momento tiveron como obxectivo fundamental a reorganización e mellora da estrutura territorial da zona: inicialmente contaba cun total de 18.875 parcelas que, logo da intervención, convertíronse en 2.129 fincas. 

Inicialmente abordouse tamén a rede de camiños principal, na que se investiron 1,8 millóns de euros en total. Nos vindeiros meses dará comezo, neste senso, a adecuación dos secundarios coa partida anteriormente mencionada. 

RECUPERACIÓN DA TERRA

Do mesmo xeito que se está a promover noutros puntos da provincia como Paderne de Allariz, o responsable de Medio Rural e a alcaldesa de Rairiz de Veiga tamén acordaron examinar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal no termo de Congostro, en Rairiz. Esta é unha das alternativas que se ofrecen dende a Xunta de Galicia para a reactivación dos terreos e a posta en valor dos montes, unha medida moi necesaria na liña de xerar beneficios e previr a lacra dos incendios forestais que tanto afecta ao interior da provincia de Ourense. A medida enmárcase dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. 

PLAN DA LIMIA

Por outra banda, na xuntanza por videoconferencia ambos dirixentes analizaron os traballos levados a cabo ata o momento no marco do Plan extraordinario de reparación de camiños da Limia, dotado con ata 600.000 euros procedentes das arcas autonómicas. Esta actuación foi solicitada conxuntamente polos rexedores dos municipios que integran a Comarca da Limia, eminentemente agraria, e ante a imposibilidade de facer fronte -con medios propios dos Concellos- ao arranxo e reparación da infinidade de camiños agrarios que, actualmente, existen e precisan dunha intervención de mellora. 

No tocante a Rairiz de Veiga e por medio do mencionado plan, xa se arranxaron ata cinco viarios neste concello por un importe total de algo máis de 30.000 euros. Neste senso, José González explicou que a mellora das infraestruturas rurais é “primordial” para proporcionar “unha boa calidade de vida” aos habitantes do lugar, en xeral, e aos agricultores e gandeiros da zona, en particular. 

Por último, o conselleiro lembrou que estes camiños seleccionáronse -foron os propios Concellos os que remitiron un listado á Consellería de Medio Rural- en función dunha serie de criterios previamente marcados que pasaron por priorizar aqueles viarios localizados en concentracións parcelarias, que deran acceso a un maior número de parcelas agrícolas ou explotacións agrarias e, en terceiro lugar, aqueles que tiveran unha maior intensidade media diaria de vehículos agrícolas ou con tramos cunha lonxitude mínima de 100 metros que se atoparan en peores condicións. 

En calquera caso, todos os camiños seleccionados -como foi o caso dos de Rairiz de Veiga- son de titularidade municipal, matizaron dende a Xunta.

Te puede interesar