Sandiás pide que se denuncien os roubos de combustible

A problemática dos roubos de combustible agrícola sucédese todos os anos, especialmente, durante o periodo estival.

A problemática dos roubos de combustible volve a inquedar á comarca da Limia e, concretamente, ao sector agrario. 

Recentemente, o alcalde deste municipio, Felipe Traveso, e membros da Garda Civil, reuníronse para tratar os acontecementos que se veñen producindo relacionados con substraccións ilegais de gasóleo, motores de rego e baterías dos motores de rego nas zonas agrícolas. 

Tal e como aseguran dende o Concello de Sandiás, habitualmente, os veciños e veciñas que resultan ser vítimas de ditos roubos non adoitan denuncialos, xa que se trata de substraccións “de escasa contía”. 

Sen embargo, dende o Concello sandianés, fixeron fincapé na recomendación de que os afectados nestes sucesos realicen as oportunas denuncias para que así os membros da Garda Civil “teñan coñecemento destes feitos”. 

Por outra banda, dende o Goberno local solicitaron a intensificación  da vixilancia nocturna da zona por parte dos corpos de seguridade co obxectivo de garantir a seguridade e evitar os roubos ao sector agrícola. 

UN PROBLEMA RECURRENTE

A problemática dos roubos de combustible agrícola sucédese todos os anos, especialmente, durante o periodo estival. As substraccións adoitan realizarse en motores de regadío e vehículos agrícolas e, os grandes afectados, son os productores de pataca da comarca. Precisamente, no ano 2017, produciuse unha oleada deste tipo de roubos que terminou afectando a 30 agricultores da zona. Ao tratarse dun delito menor, o responsable tivo que aboar unha multa de entre 150 e 900 euros. 

Tamén en abril do pasado 2020 roubaron maquinaria e ferramentas por valor de 6.000 euros en dúas naves da capital comarcal.

Te puede interesar