ASALTOS Á CASA ÁUREA-NÓS DE RISCO E OTERO PEDRAYO

En defensa propia, acolléndonos ao dereito de réplica aos agravios contidos no desinformado e suspicaz comento publicado por Moncho Conde Corbal neste xornal o 29 de xullo de 2011 (p. 9), os abaixo asinantes actuais propietarios de baixo e pisos da casa número 25 da Rúa da Paz ourensá, queremos trasladar á opinión pública os seguintes esclarecementos:
1). O Grupo Aurianós de Ourense, que é unha entidade apartidista formada por persoas galegas e catalás que respectan todas as ideoloxías e bandeiras do abano democrático incluída obviamente a estrelada (designada polo comentarista como 'bandera del Bloque'), declina toda responsabilidade no feito da aparición, ao redor do día 25 de xullo, dunha bandeira de Galicia con estrela de cinco puntas colgada dun balcón do piso natal de Vicente Risco, feito que, logo das pertinentes averiguacións, apoñemos ao asalto dun balcón da casa por suxeitos non identificados aos que, polo tanto, nos resulta imposible reclamar a xusta reparación.

2). Algúns días despois dese incidente (o que ao noso xuízo proba, dun lado, a desprotección en que se atopan as casas arestora pechadas e deshabitadas situadas no miolo da cidade histórica, e doutro, o carácter emblemático que posúe para a cidadanía o edificio natal de Risco e Otero Pedrayo) fomos vítimas dun novo asalto. Neste caso en forma de columna xornalística na que o comentarista desfoga a súa xenreira ao que parece anti-BNG cargando, sen embargo, contra a miña persoa e contra o pouco que sabe do proxecto que estamos a promover sobre o edificio da rúa da Paz (que designamos 'Casa-Áurea-Nós de Otero Pedrayo e Risco' en homenaxe á egrexia xeración ourensá propulsora da revista Nós que protagonizou a Magna Época Nós do rexurdimento da Galicia contemporánea). E todo só pretexto de vindicar, segundo el afirma, 'un respeto para Risco y Pedrayo ¡coño!'. Valente modo de predicar respecto ao exemplo dos mestres de Nós! Persoeiros precisamente paradigmáticos no seu tempo e cada un ao seu xeito da finura expresiva, do amor ao idioma galego e da tolerancia ideolóxica concorde coa súa sensibilidade ético-relixiosa de crentes cristiáns. Abandeirados na súa militancia cívica da causa do galeguismo creador forxado no compromiso humanista, á vez enxebre e universal.

3). Acusar sen probas, sementar sospeitas e airear prexuízos é delito que non ampara a raposería do 'digo, enmerdo e desdígome', mesturando todo no mesmo rego.

Dado que o dereito á liberdade de expresión de un remata alí onde bate co deber de respectar o dereito á honra das demais persoas, físicas e xurídicas, agardamos da conciencia do noso obxector neste xornal unha rectificación pública proporcionada ao agravio.

Te puede interesar
Más en Cartas al director