carta de despedida o ángel de folgoso (esgos)

Foi unha fin de semana dura e o mesmo tempo triste, desde que me enterei do teu falecemento, algo non esperado, e agravado se cabe, polas circunstancias en que este se produciu. Estou escribindo estas letras e o mesmo tempo véndote bailar a 'cabritinha' no bar Cortés. Sabes?, grazas a grandeza da Internet poderei seguir véndote, a pesar de que xa non esteas, tal como eras alegre, divertido, servicial...
Véñenme á cabeza moitas anécdotas da túa vida que ti contabas, lémbrome de forma especial daquela aventura do 'candelabro' xunto co teu compañeiro o 'pelo fino' (como ti lle chamabas), cantas veces che pedín ¡cóntame a do candelabro! E que dicir das nosas partidas de cartas cando eu che dicía 'xogas como cando non había tren' e ti me contestabas 'cálate repunante'.

Qué lonxe xa queda todo isto, e aínda foi antonte. Voute botar moito de menos e acordareime a miúdo de ti, sobre todo cando teña que atar a palmeira, non me acenda a rozadora..., ti sempre estabas alí para botarme unha man.

Por último, quero dicirche que deixaches a moita xente triste, e tamén que tiñas moitos amigos, que aínda que eu xa o sabía, púdeno comprobar o domingo cando a xente foi a despedirte porque te apreciaban, che querían Yiyi.

Ángel, alí onde esteas, moitas grazas por todo e ata sempre.

Te puede interesar
Más en Cartas al director