GALICIA: PARAISO SEN DEUS

Coas bágoas nos ollos, co corazón roto, asi marchaban eles, asi quedabamos nos. Deixaban os pais sen fillos e os fillos... sen pais. Cas poucas pertenzas na maleta de cartón, coa inmensa dor da despedida na alma. 'Imos botar uns anos -dicían- os xustos para arranxar un pouco a vida'. Falsas promesas que se facían e que nos facían ós que quedabamos; a Nai Galicia nunca máis lles abriu os brazos. Eles esgotaron os seus mellores anos lonxe, sempre ca morriña da Terra; ós fillos roubaronnos a infancia e a xuventude, de internado en internado e de pensión en pensión, orfos de pais, anduriñas sen primavera.
Estouparon a traballar, sementaron a Terra de divisas que os políticos de turno empregaron máis en encher os seus petos e os das suas familias, que en facer que Galicia medrase. Regresaron vellos e en moitos casos enfermos, pero coa segreda esperanza de que o sacrificio de duas xeracións, os pais que marcharon, os fillos que quedamos sós, habería de servir para que os netos tivesen futuro na súa Terra, 'que non teñan que ir polo mundo gañar o pan do demo'-dicían-. Hoxe voltan a ter os ollos cheos de bágoas, o corazón roto, porque agora son eles os que quedan e os netos os que se van. A diferencia só é que as novas maletas son de pel, teñen rodas e van cheas de títulos universitarios, pero o sufrimento segue a ser o mesmo.

Daquela desangráronse, gota a gota, as aldeas do noso rural, de tal xeito que os poucos que hoxe quedan nelas ven, cada día, como os veciños que máis aumentan son os toxos, as silvas e as xestas. Nesta nova expatriación están a desangrarse as cidades de onde cada ano vanse centos de mozos e mozas en busca de un futuro que a súa Terra lles segue negando, igual que llo negou a seus avós. Galicia, os que te visitan din que es un paraíso, o que non saben e que nel, dende fai moito tempo, as serpes do demo, votaron fora a Deus.

Te puede interesar
Más en Cartas al director