MAGOSTO, UNHA GRAN FESTA EN PEREIRO DE AGUIAR

A celebración do magosto na Galicia dos castiñeiros ten unha longa tradición. Os que xa pasamo-lo ecuador da vida lembramos aqueles magostos que, cativos e mozos, faciamos por separado nas eiras, nas encrucilladas dos camiños ou nas prazoletas das aldeas.
Pero daquela só era cousa de raparigos e de mozos e o único aliciente era o refocilo, pois de castañas todos estabamos fartos, sobre todo no rural. Sendo estudante de Bacharelato no Instituto de Ourense, recordo como, amoreados alumnos e alumnas, ascendiamos polas corredoiras do Montealegre co Zarrequiño das castañas e da botella de viño pendurando do ombro para acende-lo lume no cumio do monte, asa-las castañas e face-la xoldra en honor a San Martiño e o deus Baco. Algúns pasábanse bebendo un grolo de máis e remataban a xacarandaina dando berros e cantando obscenidades. Todos baixaban coa faciana enzoufada co parrume das castañas asadas.

Xeralmente, a celebración do magosto noutrora tiña dúas datas: o día 1 de no-vembro, véspera de defuntos, e o 11 do mesmo mes. As castañas asábanse nunha fogueira no chan e unhas saían queimadas da lampada mentras que outras quedaban crúas. Xa o dicía o cantar: Non chas quero, non chas quero/ castañas do teu magosto/ non chas quero, non chas quero/ que me cheiran a chamosco.

Hoxendía a celebración do magosto tomou pulo, polo menos, no rural, pois xa non é soamente cousa de nenos e mozos. Celébrase a nivel de familia, de comunidade, de veciños, de aldea, de parroquia, de colexio, de empresas...

Como exemplo vivo destas xuntanzas citamos a que se vén celebrando no concello de Pereiro de Aguiar, concretamente na aldea de Loñoá. Unha morea de persoas de distintas idades ateigan o parque do Covelo, ben axeitado para este menester.

Este ano o magosto celebrarase o 2 de novembro, coa comodidade e acougo de sempre, baixo o teito dun enorme alpendre acristalado para que a festa se faga con maior sosego aínda que o tempo se mostre incremente, coa axuda dos asistentes coma noutros anos, moxetándose e asándose as castañas para acompañalas de boas empanadas, carne ó caldeiro, licor café, chourizos cocidos, cacheira, bica, todo regado con tinto Ribeiro e augardente de herbas.

E, para remata-la festa, novos e vellos poderán baila-la muiñeira e outros ritmos galegos. En resume, unha festa de convivencia entre veciños, unha data de divertimento, un día feliz.

Te puede interesar
Más en Cartas al director