ROMERíA RAIGAME

A un home bo e á Virxe do Cristal

A Romaxe Raigame deixou paso onte a unha xornada de homenaxe a Adolfo Enríquez, o párroco de Vilanova dos Infantes asesinado no mes de marzo, e á Virxe do Cristal, cuxa imaxe está desaparecida desde entón.

Vilanova dos Infantes vivíu onte unha xornada de recordo e reivindicación. Recordo do párroco Adolfo Enríquez Méndez, asasinado na casa reitoral o pasado 10 de marzo, e da imaxe da Virxe do Cristal, desaparecida desde entón. Reivindicación para que a Xustiza e os Corpos de Seguridade do Estado esclarezan o crime, deteñan ós culpables e devolvan a imaxe da Virxe do Cristal ó seu santuario.

A xornada comezaba ás 11,00 da mañá cunha misa concelebrada no altar exterior do santuario do Cristal, á que asistiron numerosas persoas, arremuiñadas á sombra dos árbores da pradeira.Estivo presidida polo bispo da Diócese, monseñor Leonardo Lemos, quen na homilía afirmaba que "roubáronnos un sacerdote bo e fiel e a imaxe da Virxe", e pediulle aos fieis que non deixen "que vos rouben a vosa devoción pola Virxe do Cristal". O bispo reclamou que se esclareza a morte de Enríquez, apareza a imaxe da Nosa Señora do Cristal e os responsables espíen a súa pena.

Rematada a misa, veciños e autoridades desprazáronse a pé ata a Praza de Vilanova, onde a partir das 12,30 horas transcurriría o acto de homenaxe a Adolfo Enríquez e á Virxe do Cristal. A mantedora do mesmo foi a actriz Fina Calleja, que ía dando paso ás distintas intervencións, que comezaron cunha actuación da Coral de Ruada. A continuación, o alcalde de Celanova, Xosé Luis Ferro, leu unha declaración institucional en nome dos pobos de Vilanova e Celanova e comezou sinalando que "foron factores anímicos e de respeto tralo asesinato e non a morte os que nos levaron a transformar a romaxe de Raigame nunha homenaxe a don Adolfo e á Virxe". Referíndose ó párroco, afirmou que "era unha persoa que morreu por facer o ben e por custodiar ata as últimas consecuencias a imaxe da Virxe do Cristal". Ferro pediu que se esclareza o crime, para que non caia no esquecemento, e desexou que a figura de Adolfo Enríquez "sexa a partir de agora outra referencia da romaxe".

Despois subiu ó escenario o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín,quen amosou a súa admiración polo párroco asesinado, do que dixo que "se fixo querer e respectar por todos. Foi, como o noso himno nacional reza, un dos bos e xenerosos" e esixiu que se resolva o crime, que calificou de "horrendo". O escritor engadiu que hoxe tamén "lamentamos, desde o máis fondo da nosa alma, un crime perpetrado contra a nosa memoria identitaria", para engadir que "sentímonos ofendidos e orfos porque nos roubaron a nosa Virxe do Cristal",. Calificou este feito como "un atentado contra as letras galegas, porque a Virxe do Cristal é nosa, é daquí, pero tamén é patrimonio da literatura galega".

Tras a intervención de Ferrín, un grupo de nenos e nenas de Vilanova leron fragmentos do poema A Virxe do Cristal, de Curros. e de seguido, Xosé Manuel Enríquez, sobriño do sacerdote asesinado, recollía o premio co que Raigame honraba ó seu tío, premio que ata onte levaba o nome de Xan de Barros e que agora se denominará Adolfo Enríquez. A homenaxe rematou co descubrimento dunha placa na rúa que levará a partir de hoxe o nome do párroco, mentres a Banda de Música de Vilanova interpretaba o himno galego, e coa Danza de Vilanova na honra de don Adolfo e da Virxe do Cristal.

Te puede interesar