Lee Miller regresa á Coruña cunha exposición antolóxica sobre a súa obra

Foto: EFE
A fotógrafa estadounidense Lee Miller (1907-1977) regresa á Coruña cunha exposición antolóxica sobre a súa obra, que compila un centenar de instantáneas tomadas ao longo de máis de 40 anos pola que está considerada como unha das artistas máis singulares do século XX e que foi, ademais, musa e amiga de grandes creadores como Man Ray ou Pablo Picasso.

Miller visitou A Coruña en 1956 co seu marido, Roland Penrose, que escribía daquela unha biografía de Picasso, para retratar o artista malagueño, a quen tomou máis dun milleiro de fotografías, sendo algunhas delas incluídas na exposición que hoxe se inaugura na sede da Fundación Caixa Galicia.

Ao longo dos seus setenta anos de vida, Miller destacou como fotógrafa en campos tan dispares como a moda ou como correspondente de guerra.

Da súa cámara saíron algúns dos retratos máis importantes de grandes artistas do seu século como Picasso, Ernst, Man Ray, Margaret Bourke-White e Tàpies, entre outros, ou algunhas das imaxes máis impresionantes da II Guerra Mundial, xa que foi a única muller reporteira que deixou testemuño da contenda e acompañou coa cámara o exército estadounidense desde Normandía até a rendición de Alemaña.

Miller impregnou o seu traballo da influencia surrealista que lle veu dada pola relación que mantivo con Man Ray e o círculo de artistas en que se movía: Duchamps, Picasso, Magritte, Cocteau e o que sería o seu marido, Roland Penrose.

Das reportaxes de moda, pasou a correspondente de guerra para a revista Vogue, converténdose así, con Margaret Bourke-White, en pioneira do que hoxe se coñece como fotoxornalismo.

Para a presentación da exposición viaxou á Coruña o fillo de Lee Miller, Antony Penrose, que foi quen descubriu nuns baúis os máis de 60.000 negativos que deixou a nai e que leva anos difundindo a súa obra por todo o mundo.

O fillo da artista subliñou que a súa nai non deu importancia ao seu traballo e acantoou a súa obra, que sorprendeu a todo o mundo pola súa calidade cando foi achada despois da súa morte.

Penrose afirmou que a obra da súa nai se caracteriza por ser a dunha muller 'apaixonada pola liberdade e a xustiza' e incidiu na profunda pegada que lle deixou o surrealismo, que nunca abandonou completamente aínda cando este movemento perdera auxe.

Te puede interesar