Un libro reivindica o galego Xoán de Novoa, un mariñeiro 'infravalorado'

A biografía 'Estigma dun esquecemento. Vida dun pioneiro' recompila as fazañas do mariñeiro ourensán Xoán de Novoa, un personaxe "infravalorado" ao servizo da coroa de Portugal e descubridor de paraxes como as illas de Santa Elena e A Ascensión

O seu nome era Xoán de Novoa, un home de familia nobre nado no Castelo de Maceda (Ourense) arredor de 1450, que fuxiu ao reino veciño de Portugal tras as revoltas irmandiñas galegas e a posterior caída da aristocracia, conta nunha entrevista con EFE o autor da obra, o xornalista Enrique Morales Cano.

Hai algo menos de 200 anos (1821) morría encarcerado na illa de Santa Elena Napoleón Bonaparte, o emperador francés encargado de situar o illote nos libros de historia. Porén, o primeiro en situar nas cartas náuticas este lugar foi Novoa, capitán dunha expedición lusa fai agora 512 anos (1502).

Morales sinala que en 1501, catro anos despois de que o conde de Vidigueira, Vasco de Gama, navegante e explorador tamén portugués chegase por primeira vez á India, Xoán de Novoa dirixiu a terceira expedición e, ao chegar, fundou a primeira factoría sobre bases permanentemente operativas.

"Foi o único que regresou a Lisboa coas mesmas carabelas e, ademais, cargadas de especias", engade o escritor, que desde hai uns catro anos centra o seu traballo en escribir biografías.

Precisamente, nesta viaxe de volta descubriu a Illa de Santa Elena, nomeada así en homenaxe á emperatriz de Constantinopla, que cunha superficie de 121 quilómetros cadrados e pouco máis de 4.000 habitantes tardaría tres séculos máis para darse a coñecer, cando os ingleses decidiron confinar nela un dos seus maiores inimigos, o francés Napoleón Bonaparte.

Ademais destes dous descubrimentos, Morales atribúelle un terceiro que non lle está recoñecido, a actual Sri Lanka, antes Ceilán.

"Pero escamoteáronllo por entrar en conflito cun político e magnate portugués chamado Juan Alfonso Alburquerque", explica o escritor, e prosegue engadindo que esta era unha "mala besta" que quería anular o ourensán que, entre outros cargos, tamén foi alcalde de Lisboa.

Entre todas estas peripecias, Morales destaca que Novoa foi o primeiro home europeo en iniciar unha batalla naval en Asia, nas augas do Océano Índico, fronte á baía de Cananor, aplicando a técnica da abordaxe.

O descubrimento das illas Agalega, un grupo de dous únicos illotes localizados no Océano Índico preto das illas Mauricio e con apenas trescentas persoas, parecen ser obra tamén deste galego de nacemento, xa que algúns documentos lle atribúen o seu descubrimento.

Estas paraxes, canda unha illa ao noroeste de Madagascar que leva o seu nome, foron algúns dos elementos cruciais que levaron este xornalista retirado da Axencia Efe a investigar sobre a traxectoria de Novoa.

Morales buscaba un agasallo de voda para o seu fillo e a súa futura nora sobre a presenza galega na zona, xa que ela é oriúnda de Mauricio.

Todo un cúmulo de casualidades que desembocaron na figura de João da Nova, o seu nome en portugués, que morreu en Cochí -'Kochi'-, ao sur da India, no ano 1509, nun emporio da pementa e rodeado de pobreza, o que revela, a xuízo de Morales, que era un home "honrado", xa que nesa época se vivían tempos de "corrupcións masivas".

"Morreu pobre, pero no seu legado achegou diñeiro para a construción dunha capela da Concepción no seu honor na cidade de Lisboa", detalla.

"Eu creo que contribúo a que se coñeza máis", conclúe Morales, que agora busca un editor para a publicación deste exemplar de carácter histórico sobre unha "de tantas personalidades que tragou o tempo de maneira inxusta", quizais, apunta, por entendelo como un "traidor" ao traballar fóra da súa terra.

Te puede interesar