O desfile infantil do Entroido de Xinzo congregará 1.500 escolares

Participantes no Gran Desfile Infantil do Entroido de Xinzo nunha edición anterior.
photo_camera Participantes no Gran Desfile Infantil do Entroido de Xinzo nunha edición anterior.
Alumnos de vinte centros da comarca da Limia desfilarán o venres co acompañamento de charangas polo Entroido

O Gran Desfile Infantil do Entroido de Xinzo terá lugar este venres ás 11,30 horas.

No desfile participarán preto de vinte centros de ensino e 1.500 escolares de toda a comarca da Limia. Uns datos que demostran o sentimento polo Entroido de Xinzo a través da ledicia e da ilusión dos nenos de toda a comarca.

Durante o desfile, cuxo cartel foi deseñado por usuarias do PAI de Vilar de Santos, haberá acompañamento musical con varias charangas que forman parte da programación do Entroido.

Nesta xornada na que os cativos son protagonistas, pola tarde, dende as 18,00 horas, terán lugar as animacións infantís “O estrano caso do dentista da rúa Brasov” e “Steam Punk”.

Segundo Ricardo Sieiro, concelleiro de Festas, preténdese “impulsar un Entroido que poña no foco aos cativos, que son futuro e garantes da supervivencia das nosas tradicións máis ancestrais”.

O sábado e o domingo de Entroido terán un total de 16 horas de música ininterrumpida ao compás de grupos, charangas e orquestras en diferentes escenarios da localidade.

Gran desfile

Cómpre lembrar que o Gran Desfile do Entroido de Xinzo de Limia será, seguindo a tradición, o martes ás 17,00 horas.

Os premios de participación no seu Concurso de Disfraces e Carrozas ascenden a 3.000 euros repartidos en tres categorías: as carrozas con estrutura que o primer gañador recibe 900 euros e segundo de 500 euros. As comparsas de oito ou máis integrantes, que recibirá o primeiro de 800 euros e segundo de 400 euros. Os individuais ou grupos de menos de 8 integrantes, o primeiro recibe 300 euros e o segundo 100 euros.

Participar no concurso

Para participar no concurso, ben nalgunha das categorías ou ben formando parte do xurado, é preciso contactar por email ([email protected]), por teléfono (604 033 595-Ricardo Sieiro) ou de xeito presencial na Biblioteca da Casa da Cultura, antes de mañá ás 12,00 horas. As bases completas poden atoparse na páxina web do Concello de Xinzo de Limia.

O mércores 14 de febreiro terá lugar o enterro da Sardiña e a lectura do testamento do “meco”. O sábado 17 de febreiro, recupérase o Sábado de Piñata co “Xogo da Cucaña” e a verbena “Mascaritas e Capuchóns”. Rematando o domingo 18 de febreiro, co Domingo de Piñata.

As rúas do casco vello e a Praza Maior volveranse a vestir de comedia e humor para continuar festexando “o máis esperado do ano: o Entroido”.

Te puede interesar