Obradoiros nos que se elaboran Pantallas e se preservan séculos de tradición de Xinzo

O Arte Arrebol do Santiago e da Aurora non é unha sitio calquera; entre as súas paredes tratan de preservar séculos de tradición confeccionando manualmente a raíña do Entroido de Xinzo de Limia: a Pantalla

Estes son días de moito rebulicio no Arte Arrebol, o máis semellante que temos na Limia ao atelier dun deseñador. A trasfega de xente é continua, aínda máis do que xa é habitual, porque este domingo a grande protagonista do Entroido de Xinzo de Limia volve facer acto de presenza. Despois de todo un ano agardando por ela, nin máis nin menos.

Falamos, como non, da máscara da Pantalla, a personaxe entroideira limiá por excelencia. E este domingo, tralo Fareleiro e o Oleiro, chega o Corredoiro, día en que as Pantallas volven saír bailar e correr cos seus traxes e máscaras, batendo as súas vexigas, para que todo o pobo de Xinzo as poida ver bramando con orgullo. "Ser Pantalla é un sentimento, unha sensación imposible de definir con palabras", é a frase máis repetida polas persoas coas que tiven a oportunidade de falar.

Dito isto, é máis que comprensible o rebumbio que atopamos esta semana neste baixo situado na rúa Dous de Maio da capital limiá. As súas paredes atesouran as encargas de varias ducias de persoas que acuden aquí para reparar ou recoller unha peza única e característica, “porque non hai dúas iguais, alomenos aquí. Cada unha ten un matiz que a fai distinta”, fala con coñecemento o mestre do obradoiro, Santiago Martínez Santana, que leva feitas centenares de Pantallas ás costas.

A pandemia mudou a vida de moita xente, e no caso do "Santi" e da Aurora Dacal, non foi menos. El levaba facendo Pantallas dende ben pequeno, ten lembranzas delo con apenas 12 anos. Aprendeu do xeito en que as facía o finado Julio Villarino, outro artesán na materia, do que reivindica non só a súa figura, senón o seu arte. Porque facer unha Pantalla, "como as que fai o Santi... iso é arte", é outra das frases que máis repiten todos os alumnos do curso.

Porque o Arte Arrebol é un espazo que, ademáis de elaborar Pantallas artesanalmente e por encargo, vén dende 2021 organizando un taller para aprender a confeccionar “unha Pantalla de verdade, non esas cousas que se atopan por aí”, puntualiza a Aurora, mentres observa o pelo co que o Bieito quere rematar a súa pantalla, "a segunda que fago con eles no obradoiro, pero a primeira con pelo". A maioría estamos habituados a ver ás Pantallas con flecos, pero o antigo costume de levar pelo e pel de animal no canto deles, vai gañanado afeccionados de novo.

O Bieito, na proba da súa Pantalla con pelo de raposo.
O Bieito, na proba da súa Pantalla con pelo de raposo.

Normalmente organizan dous cursos talleres ao ano, un en abril e outro en setembro, porque crear unha Pantalla de cero, por moito que se teña a axuda de dous profesores tan bos, leva o seu tempo. E por eso iso os que comezaron no outono, apuran os días e as horas para chegar a tempo ao Domingo Corredoiro e ser quen de correr a Pantalla e mesmo sofaldrear, pero levando unha máscara feita por eles mesmos.

Testemuños

É por esta razón que se poden sentir os nervios no ambiente. Os alumnos dan os toques finais ás súas pantallas con agarimo e celeridade pois non hai minuto que perder. É o caso do Jorge, de 25 anos, que participa no obradoiro por segundo ano consecutivo. Coa experiencia pasada xa adquirida, desta vez fai unha Pantalla “para a miña moza”. De entre todos os detalles, “destaco a dificultade para facer ben o bigote, e que cada cucurucho da Pantalla pertence a unha época distinta”.

A súa parella, de feito, non anda moi lonxe del. A Antía, de 30 anos e veciña de Xinzo como a súa parella, estalle facendo unha á irmá. O Jorge foi quen de a convencer e ela, marabillada co resultado da que fixera o ano pasado, apuntouse ao curso dunha vez. "A miña irmá acaba de ser nai e quero agasallarlle esta Pantalla. O ano que vén sairemos xuntas de seguro".

A Antía e o Jorge, orgullosos coas súas Pantallas.
A Antía e o Jorge, orgullosos coas súas Pantallas.

Ao contrario do que se podería pensar, non todos os participantes son de Xinzo e da contorna. Moi ao contrario, a maioría dos pupilos do Santi son de fóra, ben sexa de Galicia, como a Verónica, que vén de Arnoia, ou da Carmen, nada na Pobra do Caramiñal, pero tamén de aínda máis lonxe. É o caso da Rita, orixinaria das Palmas de Gran Canaria.

"Lo de Canarias es un disfraz y un carnaval, esto es un traje, una máscara, es el Entroido. Tenéis una particularidad, una tradición, un rito", reflexiona mentres remata coa Pantalla que levará o seu fillo Matías, de tan só cinco anos. "La verdad es que romanticé la idea de hacerle una a mano y esto es mucho más duro de lo que pensaba. Pero él lleva el Entroido en la sangre y solo le faltaba tener su propia Pantalla".

Nese intre, o pequeno irrompe na escena e proba a Pantalla por primeira vez. Baila como se levara toda a vida sendo unha, e custa sacarlla. O brillo no seus ollos é a definición pura de felicidade de cando se fai por primeira vez algo longamente desexado.

O pequeno Matías, orgulloso coa súa Pantalla.
O pequeno Matías, orgulloso coa súa Pantalla.

Por último temos ao Remus, un rapaz novo de tan só 15 anos, o único menor que aceptaron no obradoiro "polo pesadísimo que foi", exclama a Aurora con vehemencia. Natural de Bucarest, chegou a Xinzo hai seis anos, e malia non ter relación coa vila nin co Entroido, o seu foi amor a primeira vista: "me gusta el sentimiento que hay detrás y si lo haces tú mismo, es totalmente distinto".

El, a diferenza do resto, xa rematou a súa. Ao ter colexio tivo que facer turnos intensivos os sábados, mañá e tarde, e agora teno todo preparado para facer a súa estrea este domingo. "Teño 21 vexigas gardadas na casa". Pode que o Remus sexa moi novo, pero tamén é precavido, como bo galego.

Sexa como for, o tempo da Pantalla, do Entroido de Xinzo, xa está aquí. E este Corredoiro moitas das creacións do Arrebol van saír correr e bailar as súas Pantallas, o arte máis puro que hai. Arte auténtico feito coas mans e co corazón.

Te puede interesar