A Insua dos Poetas acolle o segundo Entroido xuvenil de O Carballiño

Xograres e danzadeiras, personaxes da Insua dos Poetas.
photo_camera Xograres e danzadeiras, personaxes da Insua dos Poetas.

Dado o éxito acadado no 2022, a Fundación Insua dos Poetas organiza o Entroido deste 2023, que terá lugar o próximo sábado 11 de febreiro, a partir das 16,00 horas, no predio cultural de A Esgueva, Madarnás (Carballiño). Esta celebración, gratuita e aberta a todo tipo de público, estará destinada, fundamentalmente, a promover a ancestral tradición entroideira da provincia de Ourense entre os máis novos.

As actividades programadas inclúen un concurso infantil e xuvenil de disfraces de todo tipo, individuais ou colectivos, primando o interese polas manifestacións populares.

“O sur de Ourense foi dende sempre un territorio de forte arraigo do carnaval que, nos últimos anos, está rescatando peculiares personaxes e  manifestacións tradicionais que se interromperon coa guerra civil e a dictadura. Concretamente, nas terras do Carballiño era frecuente a figura do serralleiro que percorría as aldeas facendo trasnadas e animando á xente a bailar e desfrutar do Entroido”, segundo sinala o presidente da fundación, Luis González Tosar.

Tamén estarán presentes as figuras propias da Insua, os xograres e as danzadeiras; haberá xogos tradicionais e, ao remate, unha merenda de Entroido.

Te puede interesar