Pepo Suevos: "Asocio o Entroido coa gastronomía porque me disfrazo a diario"

Pepo Suevos.
photo_camera Pepo Suevos.
Entrevista ao actor e pregoeiro do Entroido de Barbadás, Pepo Suevos

O actor Pepo Suevos, integrante do elenco da aclamada película “As Bestas”, será o pregoeiro do Entroido de Barbadás.

Como lle chegou esta invitación? Tivo máis a raiz do recente éxito nos Goya?

Esta é anterior aos Goya. Pero si que é certo que despois dos Goya algo apareceu por aí tamén. Con todo, Barbadás xa mo propuxera algún outro ano, pero non se puido dar ata este ano por problemas de axenda. 

Ten algo preparado ou será todo pura improvisación?

A improvisación sempre xoga bastante, ademais é unha das miñas características. Non me gusta ir moito polo rego. Pero ao ser un pregón nun sitio que non coñezo moi ben pois terei que investigar algo e haberá menos improvisación.

Que é para vostede o Entroido?

Eu asócioo ao tema gastronómico. Todo o mundo ten filloas e orellas na casa, e iso é marabilloso. A parte festeira, se te pos no meu pelexo de actor, o de disfrazarme é algo moi habitual na miña vida. Para a xente é unha vía de escape para facer cousas que non se atreve no día a día. No Entroido parece que todo está permitido.

Entón, os actores e, coma no seu caso, os humoristas, viven de Entroido todo o ano.

Claro. Eu esta semana xa interpretei a seis personaxes distintas. Ademais, polo meu tipo de humor, transgresor, vivo sempre nesa dinámica de pasalo ben, pero tamén de non calar as cousas. Somos os que levamos o Entroido máis alá destas datas.

Estivo algunha vez nos entroidos ourensáns?

Si, sobre todo en Verín. Alí teño moitos amigos e, de feito, xa din alí o pregón. Tamén estiven no bautizo dos cigarróns e noutras festas. Polos outros pasei, pero non os vivín tanto coma o de Verín.

Como foi o día da gala dos Goya?

Non foi unha tolemia. Ese día participei nunha entrega de premios e cheguei coa gala empezada. Cando se desbordou a cousa foi co premio á mellor película. O certo é que me fixo moitísima ilusión.

Te puede interesar