Entroido 2024 | O Regueifa Tour chega este venres ata Viana do Bolo

Participantes durante a última edición do evento.
photo_camera Participantes durante a última edición do evento.
Na comarca de Viana, a improvisación poética asóciase ao tempo de Entroido, como exemplo, os versos da comparsas da Chaira

Viana do Bolo  acolle o vindeiro 12 de xaneiro o Regueifa Tour, un encontro que pretende levar a improvisación oral a espazos onde se reúna xente nova en festas de poesía cantada.

Así, as regueifeiras da Escola Semente de Compostela, Estrela do Courel, Nântia, Maré a Muda e Joana de Toba, farán unha mostra da vitalidade da regueifa, unha forma de improvisación propia do occidente galego. 

Na comarca de Viana, a improvisación poética asóciase ao tempo de Entroido. Como exemplo de versos improvisados encóntranse os brindes da comparsa da Chaira de Viana ou os brindes ou bombas de Mormentelos e Castiñeira, en Vilariño de Conso. Os primeiros, caeron no esquecemento durante décadas, pero no ano 2019, un grupo de mozos do lugar decidiu recuperar esta tradición que ano tras ano gaña espazo na programación entroideira.

O Regueifa Tour celebrarase este venres, 12 de decembro, ás 18,30, na Sala de Exposicións do Concello. Esta xira chega a Viana para impulsar as “Regueifeiras da Semente”, unha actividade que comezou en Vigo, e xa pasou polo Courel, Vilaba e Vila de Cruces, e que visitará o País Vasco ou Portugal.

O seu obxectivo é conectar as diferentes fonemas de improvisación poética, desde a regueifa, os atranques do Entroido do Ulla ou o brindo do Courel até o bertsolarismo vasco. “Con esta actividade preténdese tecer unha rede de adolescentes coa improvisación oral e o activismo en defensa da lingua galega como nexos de unión”, explican dende a organización.

Durante esta mesma semana, os alumnos do instituto vianés contaron coa presenza de Sechu Sende, encargado de impartir un obradoiro de rimas e regueifas que “permitiu que os mozos coñeceran diferentes técnicas e se animaran a rimar”, explica Ovidio Villar, xefe de estudos do centro de ensino e un dos artífices de que este evento teña lugar no municipio. “Temos unha tradición que non debemos perder e con isto pretendemos unir a mocidade en torno a rima. Durante a actividade farase unha mostra e contarase cun espazo para que, todos aqueles que o desexen, poidan participar de xeito libre”, explica Ovidio. “Animamos a todos a participar e formar parte desta iniciativa”, engade.

Te puede interesar