O Concello de Santiago recibirá 2,7 millóns polo estatuto de capitalidade

O Goberno galego deu luz verde á entrega de 2,7 millóns de euros ao Concello de Santiago de Compostela para que faga fronte aos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade autónoma durante 2012.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que con esta partida a Administración autonómica 'cumpre o estatuto de capitalidade'.

En concreto, o pagamento desta cantidade realizarase de xeito fraccionado. O primeiro libramento realizarase antes do día 15 de xuño, o segundo antes do 30 de setembro e o último antes do día 15 de decembro do presente exercicio.

Segundo recordou a Xunta, o 24 de xullo de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Lei 4/2000, do 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade de Santiago de Compostela, co fin de regular o estatuto especial desta cidade como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma.

Esta lei establece unha previsión de financiamento específico nos presupostos xerais da comunidade autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do municipio motivados polo estatuto de capitalidade e por ser a sede das institucións galegas.

O órgano encargado da interpretación e do seguimento do cumprimento deste convenio será o Consello da Capitalidade, como órgano colexiado de carácter permanente, creado pola citada lei. A súa vixencia estenderase dende a sinatura ata o 31 de decembro de 2012.

Te puede interesar