O BNG defende no Parlamento Europeo 'máis recursos e estabilidade económica' para as universidades galegas

Foto: EUROPA PRESS
O BNG solicitou no Parlamento Europeo que as universidades galegas conten con 'financiamento suficiente e estable' para garantir unha educación superior de calidade 'tendo en conta, ademais, que o seu papel será clave para axudar a saír da crise'.
A eurodeputada nacionalista Ana Miranda defendeu esta posición durante o debate do informe 'Contribución das institucións europeas para consolidación e progreso do proceso de Bolonia' no plenario celebrado en Estrasburgo.

Segundo informa o Bloque a través dun comunicado, Miranda criticou os recortes en materia de educación 'que está a levar a cabo o Goberno galego, contradicindo e incumprindo as recomendacións da eurocámara', que insta aos Estados membro a reforzar o financiamento das universidades.

'As universidades públicas non poden ser permanentemente cuestionadas e tratadas como entidades ineficientes e malgastadoras', apuntou a europarlamentaria. Por iso, e en contra dos recortes -que considera 'unha irresponsabilidade política'-, pediu 'fondos necesarios' para garantir unha formación superior 'que aspire á excelencia'.

Por último, lamentou que se estea a 'perder un valioso capital humano e tirando anos de traballo e de coñecemento esenciais para un país que se pretende avanzado e competitivo'.

Te puede interesar