JUICIO POR EL MAYOR VERTIDO CONTAMINANTE EN UN RÍO GALLEGO

Un condutor cuestiona as medidas de seguridade da química cando aconteceu o desastre ambiental no río Umia

Juicio de E.E.P. (d) , B-G.V. (c) y J.M.M.P. (i), los tres acusados de provocar por una imprudencia el incendio en la química Brenntag que, a la postre, derivó en el mayor desastre medioambiental en un río gallego. EFE/ Salvador Sas
Os tres traballadores sentados no banco por imprudencia na descarga que orixinou o sinistro decláranse non culpables
O testemuño dun camioneiro marcou o desenvolvemento da primeira sesión do xuízo polo desastre ambiental provocado pola vertedura contaminante ao río Umia, tras o incendio da factoría de produtos químicos Brenntag, en Caldas de Reis (Pontevedra), acontecido hai cinco anos e medio e que arrasou a fauna nun tramo fluvial de sete quilómetros.

Ante o titular do Xulgado do Penal número un de Pontevedra empezaron a declarar as testemuñas e peritos para intentar dilucidar as responsabilidades derivadas deste accidente. Os primeiros en comparecer foron os tres traballadores da planta química acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente por omisión e imprudencia grave, que se declararon non culpables.

A primeira testemuña citada, Aurelio Játiva, un camioneiro que a tarde do accidente estaba a esperar a que o seu camión tamén fose descargado, declarou que el estaba a ver a manobra de descarga e puxo en dúbida as medidas adoptadas. 'Con certeza, estou seguro de que non estaban colocadas as mangueiras de seguridade no colector', expuxo.

Aurelio Játiva xa estivera a traballar para a empresa Brenntag con anterioridade e afirmou que 'os seus procedementos de seguridade son moi diferentes' aos que vira 'no resto de Europa, onde son máis seguros', puntualizou.

Así, rememorou que en aquel 1 de setembro de 2006, cando se produciu o sinistro, el contaba con máis de dez anos de experiencia a nivel europeo no transporte de mercadorías perigosas. 'Non me sorprendeu que tivesen un accidente', dixo na sala xudicial.

'Unha das tomas de terra non estaba posta, pero non me deu tempo a avisar, xa que foron un par de minutos', sinalou, e a continuación relatou que nese momento unha faísca incendiou o colector no que estaban a verquer o tolueno e despois produciuse unha forte explosión.

TRABALLADORES

Pola súa banda, o capataz de disolventes, Eulogio Estévez, explicou como o día do incendio e posterior vertedura contaminante manipulou a mangueira do camión para extraer o tolueno, o que fixo xunto ao seu axudante, José Manuel Mosteiro, e nunha operación que autorizara a conselleira de seguridade, Beatriz González Viéitez. 'Aínda que supervisar non era o meu labor', matizou.

Ante as preguntas da Fiscalía e as tres acusacións particulares, os acusados insistiron en asegurar que as tomas de terra estaban conectadas. 'Ata en dúas ocasións puiden comprobar como as mangueiras estaban conectadas', insistiu Beatriz González.

SEN NORMATIVA

Pola súa banda, a defensa encargouse de recordar que 'non hai unha normativa neste país que marque o protocolo de como se ten que actuar nunha descarga' deste tipo de substancias altamente volátiles.

Do mesmo xeito, a conselleira de seguridade de Brenntag afirmou que esa mesma mañá xa detectara 'unha grande mortaldade de peixes no río Umia, que procedían de augas arriba do emisario da fábrica'.

PETICIÓNS DO FISCAL

O fiscal solicita 4 meses e 15 días de prisión, o pagamento dunha multa e o abono de preto de dez millóns de euros, cantidade da que fai responsable civil subsidiaria á compañía química asentada por aquel entón en Caldas.

En concreto, o Ministerio Público pide aboar á Xunta 8,1 millóns pola súa actuación para extinguir o incendio, 113.919 euros polas obras de emerxencia que foron necesarias para controlar a vertedura e 1,3 millóns polos danos ecolóxicos e ambientais ocasionados.

Ademais, a acusación pública entende que deben indemnizar outras empresas situadas nas inmediacións do polígono industrial polos días de inactividade que lles ocasionou o incendio e pagar 14 turismos, catro camións e un remolque afectados polo lume.

Te puede interesar