Falece o primeiro alcalde de Lugo na democracia, José Novo Freire, aos 83 anos

O primeiro alcalde da cidade de Lugo na democracia, José Novo Freire, faleceu a pasada madrugada aos 83 anos de idade. O Concello, que celebrou unha reunión urxente este venres, expresou o seu pesar e declarou dous días de loito oficial.
Novo Freire (A Coruña, 1928) era licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como avogado. Entre 1971 e 1979 foi director diocesano de Cáritas. Nas primeiras eleccións municipais celebradas en democracia presentouse encabezando a lista de Unión de Centro Democrático (UCD) e a súa resultou a candidatura máis votada.

Non obstante, ocupou o cargo de alcalde durante solo 33 días, posto que as eleccións foron anuladas tras a presentación dun recurso contencioso-administrativo. Tras a repetición volveu a ser elixido alcalde de Lugo e estivo á fronte do Concello entre 1979 e 1983.

Aínda que nacido en A Coruña o 25 de outubro de 1928, con solo oito meses se trasladou coa súa familia a Lugo, indica o Concello da cidade, nunha nota na que traslada as súas condolencias á familia de Novo Freire.

Ademais dos dous días de loito oficial declarados, a bandeira do Concello ondeará a media hasta este venres e este sábado. Na próxima sesión plenaria acordarase testemuñar o sentimento de pesar da Corporación Municipal polo falecemento.

O alcalde, José López Orozco, fixo pública unha declaración con motivo da morte do primeiro rexedor da cidade, na que destaca que Novo Freire 'significou para a cidade un cambio democrático moi importante'. 'Foi un home que soubo concliar as distintas posicións que había no Concello en aquel momento e gobernar coas ideas de todos, ata lograr ese cambio democrático', subliñou.

Así, indicou que era unha persoa 'moi querida' por todos os membros da Corporación, polos funcionarios e polos cidadáns de Lugo, pois polo seu despacho pasaron moitas persoas que 'sempre atoparon nel un fiel servidor das leis e da defensa dos intereses da xente que máis o necesitaba'. 'Que descanse en paz, é un exemplo para min, como alcalde, pero tamén para todos os cidadáns', concluíu López Orozco.

Te puede interesar