Galicia é a comunidade con menor consumo televisivo, con 214 minutos ao día

Foto: tve
Os galegos son os que menos tempo pasan fronte ao televisor, cunha media de 214 minutos ao día, unha hora menos que os aragoneses, que lideran o consumo de televisión en España, con 280 minutos ao día.
Segundo un estudio elaborado por Barlovento Comunicación a partir de datos de Kantar Media nas comunidades nas cales se mediu o consumo televisivo, tras Aragón sitúase Andalucía (268 minutos ao día), Valencia (267), Castilla-La Mancha (265), Castilla e León (260), Cataluña (256), Murcia (251), Baleares (249), Canarias (246), País Vasco (245), Madrid (241) e Asturias (232).

A cota necesaria para liderar a audiencia na grella televisiva caeu en marzo ao seu mínimo histórico en España, 14,8 por cento, debido á fragmentación da audiencia que produciu a irrupción de novas canles coa chegada da Televisión Dixital Terrestre (TDT).

Anos atrás para liderar a audiencia eran necesarias cotas de pantallas superiores ao 20 por cento, non obstante, nos últimos tempos, primeiro coa concesión de novas licenzas a La Sexta e Cuatro para emitir en analóxico, e máis tarde coa chegada da TDT o número de operadores multiplicouse.

Deste modo, con 25 canles en aberto a nivel nacional a oferta multiplicouse e o mercado fragmentouse, de maneira que con menos do 15 por cento de espectadores fieis a unha cadea se pode liderar xa a grella televisiva durante un mes.

Esta fragmentación multiplícase se se ten en conta as cadeas locais, autonómicas e as de pagamento. Así un recente estudio do Observatorio Audiovisual Europeo sitúa a España como o segundo país de Europa con máis número de cadeas de televisión, un total de 1.180, só superado polo Reino Unido.

En paralelo a esta maior diversidade de oferta, o consumo de televisión en España disparouse e non deixa de crecer mes a mes. De feito, marzo foi o mes no que, de media, máis tempo pasou cada español vendo televisión, cunha media diaria de 254 minutos, mesmo dato que no mes de febreiro, e 12 minutos máis que en marzo do 2010.

Tamén en marzo se alcanzou o máximo mensual da TDT, que roza o 80 por cento de consumo cunha suba de seis décimas con respecto ao mes anterior. Pola súa banda, o cable (15,1 por cento) descende tres décimas e o satélite (4,8 por cento) catro décimas, o seu rexistro máis baixo dos últimos 27 meses.

Te puede interesar