Liberado o empresario galego secuestrado en Venezuela

O empresario galego Juan Soto Fernández, secuestrado en Venezuela no pasado domingo, foi liberado, segundo comunicou esta mañá un dos seus fillos ao secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba.

O fillo do secuestrado informou de que Juan Soto está 'razoabelmente ben', tendo en conta a situación que viviu nos últimos días, e agradeceu o 'amplo mais discreto' dispositivo que a Secretaría Xeral da Emigración despregou para lograr a liberación do secuestrado, segundo informa a Xunta nun comunicado.

Camba trasladou ao fillo do secuestrado a satisfacción do Goberno galego pola liberación.

Emigración sinala no comunicado que desde o primeiro momento se puxo a disposición da familia e da importante colonia de galegos emigrados na localidade venezolana de El Junquito para axudar en todo o posíbel, e expresa a preocupación da Xunta pola 'inseguridade crecente' que vive o país caribeño.

Juan Soto, de 67 anos e orixinario de Freás de Eiras (Ourense), foi secuestrado ante o estabelecemento que rexenta coa súa muller en El Junquito, no Distrito Central de Venezuela.

Segundo unha sobriña do empresario, estabelecida en Celanova (Ourense), Soto foi secuestrado por dous homes que o introduciron á forza nun vehículo.

1011025

Te puede interesar