Miles de docentes galegos protestan polos 'recortes' en educación pública

Foto: EFE
Varios miles de profesores manifestáronse hoxe polas rúas de Santiago, convocados polos seis sindicatos que representan os preto de 32.000 docentes do ensino público galego, en contra do incremento do horario lectivo e o que consideran 'recortes' da Xunta.

A protesta, que subscriben tamén os grupos da oposición, foi un anticipo das dúas xornadas de folga convocadas para os días 21 e 27, e trata de defender o ensino público e rexeitar o incremento do horario lectivo, así como a reasignación de funcións ao profesorado e a política de 'recortes' da Xunta.

Porén, a Consellería de Educación, en palabras do seu responsábel de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, sostén que foron os sindicatos quen non quixeron negociar e apostaron por unha postura 'de forza' ante a Administración, mais entende que o curso comezará 'con total normalidade' no vindeiro luns.

Á cabeceira da manifestación, voceiros da oposición rexeitaron a política educativa da Xunta e acusaron o Goberno galego de danar o ensino público mentres é favorecido, dixeron, o concertado, un asunto que o Executivo galego nega.

Así, o líder do BNG, Guillerme Vázquez, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de aplicar unha política de 'suar a camiseta para ser o que recorta máis e antes no ámbito do Estado', polo que demandou do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que dea 'marcha atrás' e defenda o ensino público.

Pola súa parte, o voceiro do grupo parlamentario socialista en Educación, Guillermo Meijón, indicou que a manifestación se opón aos maiores 'recortes que se lembran en Galicia contra o sistema educativo público', que chegou a cualificar de 'ERE'.

O dirixente socialista sostivo que desde a Xunta se emprendeu unha 'campaña de desprestixio' contra o ensino público, 'que ve como cada ano mingúan os seus recursos tanto materiais como humanos'.

Mentres, o responsábel da CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que os plans da Xunta constitúen o 'maior atentado ao servizo básico da educación', tendo en conta que neste ano, dixo, vai haber 800 profesores menos en primaria e infantil e outros mil en secundaria.

Ademais, Louzao demandou do titular de Educación que presente a súa dimisión ou ben 'sente a negociar'.

A manifestación partiu da alameda compostelá, e dirixiuse até a Consellería de Educación, en San Caetano, nun ambiente festivo. Dous grandes cabezudos que representaban o presidente da Xunta e o conselleiro de Educación, así como un grupo de gaiteiros, acompañaron a marcha, en que tamén se puido ver unha enorme tesoira de cartón.

Por megafonía e nas distintas pancartas, os slogans máis cantados son 'Non á modificación do horario', 'Feijóo, escoita, o ensino está en loita' ou 'Menos propaganda, máis educación', mentres ao concluír a protesta se berrou 'Conselleiro dimisión'.

Ao chegar á explanada de San Caetano, os representantes sindicais, que calcularon en 20.000 os asistentes á protesta, explicaron que os docentes se senten 'agredidos e atropelados' pola postura da Administración, que acusan de tomar medidas unilaterais.

Despois da marcha, que chegou a colapsar o centro de Santiago o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, dixo respectar os manifestantes, mais insistiu en que o aumento do horario lectivo redundará nunha maior atención aos nenos con especiais problemas de aprendizaxe.

Te puede interesar