POLíTICA

O PP descalifica a alternativa 
da oposición ós Presupostos

Puy considera que a proposta de esquerdas levaría a Galicia a un Fondo de Liquidez Autonómica

Os portavoces dos grupos da oposición no Parlamento coincidiron onte en reclamar máis ingresos e en defender outras prioridades de gasto nos orzamentos do próximo ano, mentres que o portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, asegurou que "a alternativa orzamentaria" da oposición comportaría "un FLA -Fondo de Liquidez Autonómica- inmediato". "O primeiro ano de xestión desa Xunta de coalición heteroxénea de forzas de esquerdas sería un FLA inmediato", reprochou Puy aos grupos da oposición sobre as súas emendas durante a primeira xornada do debate dos orzamentos para o próximo ano.

Durante a sesión debateronse as emendas ao articulado (115) -excepto o artigo 2- e comezaron a debater as emendas ao estado numérico (seccións), 1.148 emendas, todas elas dos grupos da oposición e que previsiblemente serán rexeitadas na xornada de hoxe. O proxecto de lei sitúa o orzamento de Galicia para o próximo ano en 8.436 millóns de euros de gasto non financeiro e unhas previsións de crecemento do PIB de 2% e unha taxa de desemprego de 20,1%.

O portavoz de Economía do PSdeG no Parlamento, Juan Carlos González Santín, explicou que o seu grupo propón emendas ao articulado para aumentar a transparencia dos orzamentos, e un funcionamento mellor das universidades, entre outras. González Santín destacou, entre as súas propostas, unha partida de 3 millóns de euros para o Consello de Contas para un plan contra a corrupción. Na súa intervención tamén propuxo que quen gañen máis que o presidente da Xunta, como o Valedor do Pobo, entre outros cargos, pasen a recibir unha remuneración similar á que terían á fronte dunha dirección xeral.

A viceportavoz da AGE no Parlamento, Yolanda Díaz, denunciou que estes orzamentos "van confiscar os dereitos dos traballadores" e tamén "afondan en sendas, mesmo, delituosas, como as políticas de austeridade", asegurou. "Con este orzamento están pondo en xaque a democracia", advertiu Díaz, que defendeu, entre outras emendas, a derrogación da Lei de medidas temporais "xa que todo vai tan ben".



corsé estreito

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, defendeu que "mesmo no estreito 'corsé'" do cadro actual hai marxe para facer cousas, sobre todo no ámbito fiscal. Entre outras emendas pediu que non se poidan diminuír créditos para servizos básicos para cadrar as contas e asegurou que coas súas propostas para lograr máis ingresos, como un imposto ás grandes superficies e a grandes patrimonios, entre outros, lograríanse máis de 250 millóns de ingresos adicionais.

As deputadas do Grupo Mixto, Carmen Iglesias e Consuelo Martínez, defenderon outra política de ingresos e de gastos e afirmaron que os orzamentos suporán continuar co empobrecemento de Galicia.

O portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, asegurou que se hai un partido preocupado polo social é o seu e afirmou que o resultado da alternativa orzamentaria defendida polos grupos da oposición sería un rescate, "un fondo de liquidez autonómico inmediato". Defendeu que o PP pretende "axudar o pobo a superar as consecuencias da crise" e afirmou que "algo mudou" no que vai de lexislatura, tanto en Galicia como no conxunto de España.

Te puede interesar