A RAG, premio 'Ramón Piñeiro' pola súa defensa da lingua galega

A asociación cultural 'Val de Láncara' anunciou que a Real Academia Galega (RAG) recibirá o IX Premio 'Facer País-Ramón Piñeiro López' pola 'súa defensa da lingua e cultura galegas' ao longo dun 'século de actividade fecunda'. No acto para dar a coñecer o fallo celebrado no Consello da Cultura Galega, os convocantes expresaron tamén a súa 'preocupación pola difícil situación' que atravesa o semanario 'A Nosa Terra', gañador do galardón anteriormente, e que pechou a súa edición en papel a semana pasada tras presentar suspensión de pagos. De momento mantén a súa presenza en internet.
O premio á RAG non ten dotación económica e foi escollido por un xurado formado por representantes de 14 asociacións e entidades culturais das bisbarras de Sarria, Val do Neira e O Corgo, entre 37 candidaturas. Así, o secretario do xurado e da asociación 'Val de Láncara', Carlos López Sierra, subliñou 'o labor constante' da institución gañadora, mesmo 'en tempos nos que -dábanse- circunstancias adversas de rexeitamento e negación da identidade' de Galicia.

Ademais, destacou que a RAG fai 'un traballo dignificador e comprometido, especialmente cando, como sucede recentemente, se pretende ignorar e ir en prexuízo da creación colectiva máis significativa e prezada do pobo galego: a lingua'.


ASISTENTES

No acto, ademais do profesor do Colexio de Primaria e Infantil (CPI) Ramón Piñeiro Xurxo Rodríguez Lozano e os vogais da asociación cultural 'Val de Láncara', Marta Fernández e Manuel Fernández, que interviñeron na rolda de prensa, estaba presente o tesoureiro da Real Academia Galega, Manuel González González.

Te puede interesar