La Revista

Diario dun matrimonio

losDiarios_result
photo_camera Portada de los diarios de Adán y Eva.

Mark Twain, como La Rochefoucauld ou Oscar Wilde, é pasto de citas para calendarios e xornais precisados de material para encher ocos.

Mark Twain, como La Rochefoucauld ou Oscar Wilde, é pasto de citas para calendarios e xornais precisados de material para encher ocos. Mark Twain, un xenio americano que ten ultrapasado o tempo, como aquel ianqui sei na Corte do Rei Artús. Un nachiño quen de predicir un eclipse total, deixando abraiado ao persoal do Medioevo que se arrepiaba aínda cos fenómenos da natureza (o de hoxe, tamén, pero en directo). Acontece tamén que abondaría con “Huckleberry Finn” para poñer a Twain (deformación de “two”, segundo berraban a sondaxe os mariños do Mississippi), en puridade Samuel Langhorne, no plinto da literatura universal. Non soamente na de iniciación nin na do camiño, senón na amplísima, na da enmenda á totalidade. E porque Mark Twain é xigante non hai Twain pequeno. E o libro que teño diante miña, ese que fala do primeiro matrimonio da humanidade, levado hai anos ao teatro por Miguel Ángel Solá e Blanca Oteyza, non desminte a xenialidade “twaineira”.

E é que nun esforzo ucrónico, baseado no “achádego” duns xeroglíficos adanescos, Twain ubica esa primeira parella non lonxe de Niagara Falls, con Adán traballando o campo e Eva aos seus labores (que dicían). Ao redor deles aquelas latitudes e animalia diversa. Por suposto que as incidencias (e os fillos, Caín tan exemplificante se non exemplar, que depende) da exótica parella son de doada extropolación ao tempo actual, ao de Twain (quen vivirá entre 1835 e 1910), pero tamén ao moi de hoxe. E é que, en puridade, todo muda, todo pasa, agás o amor (e o humor, no que Twain era certamente pródigo). De maneira que este libriño, marabillosamente ilustrado para o caso por Sara Morante, semella dunha moi imperecedeira, mais tamén rara, beleza.

Un libro, pois, para os que desfruten dos libros que sendo fermosos no continente non resultan caros pero que igualmente estimen as historias que sendo coñecidas, así a de Adán e Eva, caian en mans fabulistas tan rotundas como aquel home de Florida, Missuri, morto en Redding, Connecticut no ronsel dunhas das excursións riba nosa do cometa Halley. Toda unha metáfora que con el marchara (porque segue a volver periódicamente) este narrador (e moitas máis cousas) tan sobranceiro como Mark Twain é.

Te puede interesar