LA REVISTA

Non marchan Los Suaves

2014111018102397024

Un compañeiro de docencia alcarreño, tan novo que me fai  vellote, ve riba da miña mesa este libro, e fica deslumbrado polo seu contido. “Yo es que soy de Los Suaves de toda la vida”

Un compañeiro de docencia alcarreño, tan novo que me fai  vellote, ve riba da miña mesa este libro, e fica deslumbrado polo seu contido. “Yo es que soy de Los Suaves de toda la vida”, dime o miñaxoia desde a altura dos seus poucos anos. E de Los Suave éra tamén Javi Torres,  alumno meu de hai uns anos, quen chorou cando o agasallei cunha púa de Los Suaves, que me dera o gran Yosi (Yosi, débesme outra) logo de viaxar xuntos nun avión Madrid-Lavacolla. Quero dicir que Los Suaves, agora que seica se van (mais non poden), teñen un público amplo e diverso, nun arco de idade que vai desde a miña (compañeiro xeracional do Yosi, nachiño tan de mil pezas que se desempeñara como subinspector de policía e confesa preferencias lectoras de Jack Kerouac a Dámaso Alonso) ata a desta rapazada que devece por asistir a un concerto “suave”, que non en absoluto mol.

E é que Los Suaves, “heavy-rock” para uns, “rock” sen máis para moitos (aí entro eu), teñen unha forza tremenda. Esa cousa que os leva dos Kinks a Paco Ibáñez, a súa versión de Palabras para Julia, racha con todos os tópicos sobre a cantautoría átona e pesadísima. Aquí o único pesado é o armamento sonoro do grupo de Yosi e Charly Domínguez (tan ourensáns como o Santo Cristo, medalla de ouro de Ourense e praza na cidade onde naceran, eles e o irmán de ambos, Javier, tamén “suave” e logo reciclado en profesor de Historia e escritor, vid. o libro que me ocupa). Deles e de toda a caterva que se forxou á súa beira e foron quen de criar esta lenda que vai co grupo. Que os acompaña desde que, nos seus principios, telonearan a Los Ramones en Coruña, denominando -por certo- a ese grupo de seareiros deportivistas coñecidos por recentes feitos dramáticos.

E é que a estrada do “rock” é o que ten, moitas voltas e reviravoltas tal como este libro conta. Un volume cheo de ilustracións, no que hai alcol e “rock and roll”, nomeadamente, mais tamén drogas e sexo, que o choio évos así e Los Suaves non era un convento de carmelitas. O cal que Los Suaves din quen marchan, e eu volvo poñer no picú Siempre igual, tan dylanita, nos hiatos, Dolores se llamaba Lola, un dos himnos “suaves” ou Vísperas de destrucción, puro Barry Mc Guire (ou P.F. Sloan) e digo que si, que pagou e paga a pena todo isto.

Te puede interesar