RABO DE NUBE

Non nada cañí

Son dos que trabucando verzas con ondiñas do mar dera en crer, cousas da mocidade espaventada, que a zarzuela, ese invento tan español que non é –como algún sosteñen- a ópera do pobre senón cousa diferente, era asunto casposo, ínfimo, ruín ou, concluíndo, cañí. Como esa España “de charanga y pandereta” que definira para sempre Don Antonio Machado, nalgunha desas pensións tristísimas con armario “de luna” comesto pola couza e un espello que nin azougue tiña. Cos anos, tan sabidos e sabedores, fun mudando de opinión, e facéndome amador da zarzuela.

Do “género chico” en primeiro lugar, se cadra emulando a Nietzsche, parcialísimo do coro dos ratas de La Gran Vía, de Chueca, ou de La Revoltosa de Ruperto Chapí, logo do “grande”, Doña Francisquita, de Amadeo Vives, o cumio, se cadra. Ora, dentro dese caudal inmenso zarzueleiro (entre dez e quince mil escritas, seica) hai moito onde escoller. E descubrir. Como La marchenera, de Federico Moreno Torroba. Que veño de escoitar no Teatro de la Zarzuela, precisamente.

Este teatro, a un pasiño do Congreso, é unha marabilla. Xemelgo, case, do Español, ten unha acústica espléndida, e unha elegancia, en canto vai con el, que nos fala dun país que cando quere sabe facer moi ben as cousas. Como Moreno Torroba, coñecido sobre todo por Luisa Fernanda (“a la sombra de una sombrilla…”), un dos derradeiros, xunto con Sorozábal, autores de zarzuelas. La marchenera estreouse en 1928, e segue a ter o brillo (e a melancolía en romanzas e arias) do tempo aquel que lá foi río abaixo.

Sóbralle, para mín, os apósitos actuais (de Javier de Dios), consistentes en dos nachiños que fan como que van escribir unha zarzuela (mencións a Rivas Cherif, Celia Gámez, García Lorca) para contextualizar explicando, moi polos pelos, a idea primitiva de La marchenera. Modernidades, diría miña avoa, que non levan a parte ningunha. Si que o fai o espléndido barítono Carlos Álvarez (Conde de Hinojares), moi ben secundado por Alejandro Roy (Don Félix Samaniego), Amparo Navarro (Paloma) e Rocío Ignacio (Valentina). Todo tan desfrutable (como ese coro de negro, que ven e vai detrás dun telón semitransparente) cal segue a selo a zarzuela. E o teatro que se chama a ela. Por moito tempo.

Te puede interesar