O presidente provincial do PP visitou ós traballadores da base forestal

Os brigadistas de Laza reciben o apoio de Baltar

Operarios de Laza con Baltar.
O presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, garantiulle ás autoridades de Laza e aos 50 traballadores e técnicos da Brigada Rápida de Incendios Forestales (BRIF) de Laza facer 'todo o políticamente posible para evitar o desmantelamento desta base de elite que é un referente nacional estratéxico e técnico na loita contra lume', segundo afirmou na xuntanza que mantivo na base da BRIF en Laza cos operarios e técnicos.
José Manuel Baltar, que estivo acompañado pola deputada ourensá Ana Belén Vázquez, anunciou que presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que a Cámara solicite ao Goberno do Estado o mantemento da base da BRIF en Laza, iniciativa que tamén levará a deputada Ana Vázquez ao Congreso dos Deputados, pedindo ademais a comparecencia da ministra Elena Espinosa para que explique a postura do Goberno ao respecto. Asemade, pedirase á Deputación de Ourense que ratifique en acordo plenario o apoio ao mantemento da BRIF de Laza.

Na xuntanza do sábado tamén estiveron presentes o alcalde de Laza, José Ángel García e o tenente alcalde de Laza, Ramón Barreal, quen defenderon o papel estratéxico da base así como a importancia socio-económica que supón manter en Laza esta base operativa.

O desmantelamento da BRIF traería consigo, segundo explicaron as autoridades e os técnicos, que se perdería a coordinación que existe actualmente entre todas as demais BRIFs de España, co cal, ante un eventual incendio que requerise axuda doutros operativos, non existiría a necesaria e rápida coordinación que hai na actualidade.

Ademais de todo iso, a BRIF de Laza é a única de España que está tramitando os permisos para converterse en aeródromo.

Te puede interesar