LITERATURA

Os libros da biblioteca de Verín saen ás rúas da vila

bibliorua_2016_1_result
photo_camera Dous voluntarias, no stand da biblioteca de Verín na rúa.

A institución arrancou tamén a 'bibliopiscina', con 300 volumes

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín volta a saír a rúa. Unha misión coa que pretende acercar os libros o máis posible aos lectores, incentivando a importancia da lectura tanto dos máis novos como do público en xeral. A acción, que arrancou onte, voltará os días 11 e 23 de xullo e o 3, 11 e 23 de agosto,

Durante as mañás (que corresponden cos días de feira en Verín) destas próximas cinco xornadas, de 11 a 13 horas, voluntarios desta instalación municipal se situarán fronte á biblioteca cun stand no que se colocarán os libros máis prestados nos últimos meses; así como os clásicos de sempre, tanto de literatura infantil-xuvenil como de carácter xeral.
Ademais, con esta iniciativa búscase tamén amosar os servizos da Biblioteca de Verín, novidades e as distintas actividades realizadas durante o ano, aproveitando o incremento de poboación na localidade durante os meses de verán.

Este é un servizo máis que ven a prestar a institución pública verinense, que se une ao recentemente estreado da 'bibliopiscina', que por oitavo ano consecutivo abriu as súas portas o pasado día 1 de xullo nas instalacións das piscinas municipais da vila de Verín. 
Devandito servizo oferta un fondo de máis de 300 volumes en tres idiomas: castelán, galego e portugués -conformado por libros, contos infantís, cómics, xornais e revistas actuais -de distinta temática como historia, científica, saúde ou moda, entre outras-, co obxecto de dar servizo aos lectores do territorio da Eurocidade Chaves-Verín. Ademáis tamén conta con diferentes xogos de mesa.

Esta iniciativa estará atendida por persoal da Biblioteca de Verín e vinte e tres mozos voluntarios, con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos, que durante o ano realizan actividades de Fomento da Lectura na instalación municipal. Unha iniciativa destinada a nenos de 3 a 9 anos, e que xa foron recoñecidas, durante cinco anos consecutivos, na Campaña de Animación á Lectura María Moliner, co nomeamento como Biblioteca Asociada pola UNESCO, e co premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.  
A Bibliopiscina funcionará ata o mes de setembro, en función da climatoloxía, e o seu horario será de 17 a 20 horas (durante os sete días da semana). No 2015 este servizo abriuse ao público unhas 200 horas e o número de préstamos realizados ascendeu a 2.500.

Con todo, as instalacións da biblioteca tamén continuarán abertas ao público durante os meses de verán, de luns a venres, de 10 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.

Te puede interesar