Verín

Verín amplía o parque biosaudable de Cabreiroá

parque cabreiroa verin
photo_camera Adquiriuse e instalouse novo equipamento deportivo para a realización de "Street workout".
A actuación, xa finalizada, contou cun investimento de 19.641 euros

Verín conta dende esta semana cun novo e mellorado espazo deportivo público para a realización de actividades ao aire libre. Concretamente, as instalacións están ubicadas na zona de A Braña, en Cabreiroá, e o Concello procedeu a ampliar este denominado como parque biosaudable con novas dotacións e maquinaria. 

A actuación consistiu na adquisición e instalación de equipamento deportivo para a realización de  "Street workout". Este novo equipo multibarra está formado por barras americanas triples, miniparalelas, monkey bars, corda de rube, argolas e conta, ademais, con pavimento de grava miúda para asegurar a amortiguación durante as posibles caídas.

Para acometer ditas melloras, o Goberno local de Verín realizou un investimento total de 19.641 euros. Desta cantidade, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -Agader- cofinanciou un 47 por cento, é dicir, 9.231 euros, a través do chamado Programa de desenvolvemento rural. 

O obxecto desta ampliación do equipamento é, segundo explicaron dende a administración local, "cubrir as necesidades e espectativas de todos os usuarios da zona biosaludable, desde os máis pequenos aos máis maiores, pasando polos mozos máis activos e deportistas". Neste senso, preténdese contribuir a crear un espazo deportivo de lecer e esparecemento "máis completo e confortable", tendo en conta, ademais, o ámbito natural no que se atopa.

No parque biosaudable de A Braña, no núcleo de Cabreiroá, xa existía, segundo as mesmas fontes municipais, unha extensa área recreativa, "moi concorrida", dotada de bancos e mesas de madeira, un parque infantil, un circuíto de equipamentos biosaudables para persoas maiores e un circuíto formado por equipamentos deportivos de madeira e aceiro, enfocado a persoas que conten con boa condición física.

Te puede interesar