ENTROIDO - LAZA

Laza, de pasarela ante a chegada dos últimos folións

Maiores e pequenos ensaian para que nada falle na estrea dos peliqueiros (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera Maiores e pequenos ensaian para que nada falle na estrea dos peliqueiros (MIGUEL ÁNGEL).

A localidade cumpriu co terceiro venres de folión antes de que teña lugar a primeira cita importante dentro do ciclo festivo: o xoves de comadres

Para os veciños de Laza, o seu Entroido, "o de sempre", tamén é un dos máis longos do mundo. Dende que soou a última badalada de noite vella "os chocos" non deixaron de soar nesta localidade da comarca de Monterrei.

Os máis entregados á tradición cumpriron o venres co terceiro día de folión, unha actividade que se vén repetindo cada semana dende o pasado 8 de febreiro e que ten como obxectivo abrir boca de cara aos días grandes do ciclo festivo, ademais de preparar os peliqueiros para a súa posta de longo. 

Nesta ocasión, non faltaron a música tradicional nin os fachóns, pero, co Entroido xa iniciado en varios puntos da provincia, foron moitos os que xa se animaron a poñerse os seus mellores disfraces para disfrutar da noite que transcorreu, como vén sendo habitual, polas rúas da Picota, Cerdeiriñas ou A Rúa ata altas horas da madrugada. A seguinte cita do Entroido de Laza será o vindeiro xoves, día 28 de febreiro, coas comadres como protagonistas. Trátase dun evento que, neste municipio, se recuperou recentemente. Sen tempo case para recuperarse, o venres será tempo para o gran folión que partirá dende a rúa Cerdeiriña e que contará coa actuación de Tanto nos Ten, ademáis das cantigas populares. Para ver aos peliqueiros en acción haberá que agardar ao domingo día 3.

Te puede interesar