Alcalde e BNG enfróntanse en Boborás polas obras do Plan E

O alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, do PP, concedeu autorización á voceira nacionalista na Corporación, Dolores Cachafeiro, para revisar nas oficiñas do Concello tódolos expedientes relativos ó Plan E deste ano. A data fixada na resolución da alcaldía para este acto é a do vindeiro venres, 30 de xullo, pero o horario de consulta (de 9.00 a 9.15 horas) foi calificado de 'inaceptable' polos dous concelleiros do BNG.
Así, Dolores Cachafeiro e Manuel González xa anunciaron que 'diante deste novo atropelo por parte do señor alcalde, non nos imos presentar nas dependencias municipais o venres para ve-la documentación, e reservámonos as accións legais en contra deste boicot'. O grupo da oposición engade que 'esta situación fai aumentar as sospeitas que temos sobre posibles irregularidades na adxudicación das obras do Plan E, que coma outras de Boborás reciben sempre as mesmas entidades, mentres as empresas do municipio nunca poden traballar para o Concello'.

Pola súa banda, Cipriano Caamaño lembra que 'os ediles do BNG xa tiveron 48 horas de prazo para inspeccionar os expedientes antes da sesión plenaria na que foron aprobados pola Corporación'. O rexedor advirte que 'ó que non vou facer é hipotecar o traballo do persoal administrativo do Concello na súa atención os veciños para que sexa utilizado a prol da xestión política do BNG'. Caamaño engade que 'aquí hai unha trasparencia total, e se queren ver documentación non llo vou proibir, pero cuns límites'.

Te puede interesar