A asociación de pais A Uceira programa cine e exposicións

A recentemente constituída Asociación de Nais e Pais 'A Uceira', do colexio público Calvo Sotelo do Carballiño, inicia a súa andaina cunha serie de actividades a desenvolver neste último trimestre do curso. Según os seus promotores 'o obxectivo fundamental é ofertar ós nenos e nenas do centro e da vila carballiñesa en xeral unha oferta lúdica, cultural e educativa que complemente a súa formación no seu tempo de lecer'.
As actividades comezarán este venres, día 16, ás 16.30 horas, coa proxección da película 'Tempos Modernos', de Charles Chaplin, no Auditorio Municipal, dirixida tanto ó público infantil como adulto. Esta proxección enmárcase dentro dun ciclo que proxectará os venres, de aquí a final de curso, outras catro películas: 'Carlota', 'Bob Esponxa', 'Toy Story' e 'A idade de xeo'. Os horarios e os días pódense consultar no blog da asociación http://anpaauceira.blogspot.com/ e nos taboleiros do colexio.

Co gallo do Día do Libro, que se celebra o vindeiro 23 de abril, e do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, 'tamén faremos actividades de fomento da lectura, cunha exposición de libros infantís e de álbum ilustrado nos tres edificios do colexio, e o venres 23 farase un mercado de troco e préstamo de libros na Praza Maior, entre as 19.30 h. e as 20.30 horas'.

Te puede interesar