Charla informativa en Carballiño para aforrar na factura da luz

O Instituto Galego de Consumo informará aos veciños o próximo día 28, na Casa da Cultura

O Concello do Carballiño ten previstas unha serie de iniciativas debido á nova tarifa eléctrica e á suba do prezo da mesma. Comezarán o xoves, 28 de outubro, ás 20,00 horas, na Casa da Cultura cunha charla informativa, para o que habilita un enderezo electrónico co fin de que os veciños se anoten: [email protected]

Neste caso, trátase dunha actividade impartida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que está a realizar unha campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno. 

Dende a entrada en vigor da nova normativa, o organismo atendeu máis de 1.200 consultas relacionadas coa factura da luz. O IGCC creou contidos dixitais na súa web e elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–.

Co ánimo de achegar esta información ás persoas consumidoras, a campaña inclúe unha serie de xornadas informativas para resolver dúbidas tanto de maneira presencial como online –a través da aula virtual do IGCC–. Ata o de agora, leváronse a cabo unha vintena destes talleres.

Te puede interesar