O sexto congreso do colectivo ’Chamoso Lamas’ centra o debate encol da lembranza histórica

Os expertos defenden que os investigadores locais xogan un papel destacado no Estado

Xosé Manuel Cid, Ferreiro, Rosa Ricoy, Carlos Montes e Bustillo, na inauguración.
Un cento de persoas asisten á sexta edición do congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas, que se desenvolve durante esta fin de semana na Casa da Cultura do Carballiño. Baixo o epígrafe ’O home e o medio: lembranza histórica’, preséntanse máis de 30 ponencias e comunicacións encol de aspectos xeográficos, artísticos, etnográficos, climatolóxicos e medioambientais das comarcas carballiñesa e do Ribeiro. Os expertos sinalan que ’a investigación local reflexa a diversidade fronte á xeneralidade’.
A Casa da Cultura da vila do Arenteiro convértese nesta fin de semana nunha pequena ágora grega de debate no que máis de 30 investigadores presentarán os seus traballos encol das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. É que baixo o epígrafe ’O home e o medio: lembranza histórica’, na tarde de onte arrincou a sexta edición do congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas, no que se inscribiron máis de 90 persoas de tódolos puntos de Galicia.

A presidenta do colectivo organizador, Rosa Ricoy, sinalou que ’imos falar de arte, do clima, arqueoloxía, termalismo, da riqueza natural de Pena Corneira pero tamén das canteiras que a están a estragar; do Mosteiro de Oseira e da súa importancia para que o polbo do Carballiño sexa famoso, e das viñas de Albarellos e Gomariz, entre outros aspectos’. Ricoy dirixiuse ós asistentes para invitalos ’a que o estudio destes temas alimente os vosos ollos para que así podades soñar de noite’.

Calidade

Como delegado da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Manuel Cid lembrou que ’son o máis vello dos participantes xa que levo seis congresos, pero é un placer voltar aquí e ver como segue a manterse un grupo tan entusiasta de investigadores’. Neste senso, Cid apuntou que ’a investigación local non é de menos calidade ou categoría cá que se fai en Madrid xa que, ás veces, as ciencias pérdense en xeneralidades sen contar coa diversidade que ofrecen as comunicacións que se elaboran dende Galicia’.

Pola súa banda, o vicedecano da Facultade de Dereito, Roberto Bustillo, destacou que ’na provincia de Ourense hai unha gran cantidade de movementos sociais e culturais que existen gracias ó empuxe de persoas coma as integradas na asociación que organiza este congreso de verdadeiros profesionais’.

Te puede interesar