O grupo Chamoso Lamas conmemora o 25 aniversario presentando a súa revista

A revista está dedicada ao investigador e profesor Elixio Villaverde García

Ducias de artigos sobre as máis diversas temáticas conforman ao longo de 250 páxinas o contido da revista Argentarium, que edita o Centro de Estudios Chamoso Lamas e cuxo número especial está dedicado ao 25 aniversario da entidade cultural carballiñesa.

A presentación pública por parte dos membros da entidade terá lugar mañá, día 8 de outubro, ás 20,30 horas, no salón de plenos do concello do Carballiño.

A revista presenta un importante abano de temáticas que teñen como resultado final un moi interesante aporte ó coñecemento destas terras, destacando os 20 artigos que integran esta publicación dedicada ao desaparecido investigador e profesor do Irixo, Elixio Villaverde García, algúns deles con temáticas tan suxestivas como o coñecemento da escultura urbana do Carballiño, o urbanismo e actividade empresarial do Carballiño ou o importantísimo achado por parte de membros do Centro de Estudos Chamoso Lamas de restos do primitivo mosteiro de Melón na localidade de Barcia (Melón), xunto cun repaso da actividade do grupo, do que forman parte expertos en distintas disciplinas, ó longo do cuarto de século da súa existencia.

A revista Argentarium publícase cun certo retraso motivado por diversas circunstancias que impediron facelo antes. O máis positivo é que xa está ao dispor dos lectores e vén amosar, de novo, a capacidade dos integrantes do colectivo e doutros colaboradores por sacar adiante traballos dun importante valor científico e dun rigor e esforzo investigador que serven para poñer en valor a realidade presente e o rico pasado do Carballiño.n

Te puede interesar