O proxecto supuxo un investimento de 41.000 euros para a instalación de 30 luminarias na Uceira

A luz das novas farolas do polígono industrial aumenta a súa intensidade ó achegarse a elas

Farolas novas de alumeado público, instaladas no polígono industrial de A Uceira. (Foto: Martiño Pinal)
O novo alumeado instalado no polígono industrial de A Uceira inclúe 30 farolas que aumentan a súa intensidade lumínica ó achegarse a elas. Asemade, o sistema está regulado por un reloxo astronómico que mide a luz natural.
O Concello do Carballiño instalou 30 novos punto de alumeado público no polígono industrial de A Uceira, unha superficie na que están emprazadas medio cento de naves comerciais e fábricas e que dende a súa inauguración hai 30 anos presentaba carencias a nivel de infraestructura eléctrica.

As melloras da instalación lumínica ‘estiveron baseadas na calidade do alumeado nas horas de tránsito, de xeito que a luz artificial das farolas pode reproducir matices, formas e cores dependendo das edificacións, circulación de vehículos, persoas ou animais’, sinala o alcalde carballiñés, Carlos Montes. Así, can to máis nos aproximemos a unha destas farolas, increméntase a súa capacidade de alumeado e cun sistema incorporado de baixo consumo enerxético, ‘o que supón un aforro no gasto municipal na concesión deste servizo’, apunta o rexedor.

Asemade, as novas luminarias están controladas por un reloxo astronómico que controla a intensidade lumínica tendo en conta a luz natural na zona onde están colocadas. O orzamento da nova instalación eléctrica ascendeu a un total de 41.000 euros, dos cales a Consellería de Innovación e Industria aportou o 53% e o Concello carballiñés a cantidade restante. Os propietarios das empresas do polígono agradeceron a mellora, que viñan demandando dende hai moitos anos.

Te puede interesar