O Irixo

O pleno do Irixo debatirá sobre a parcelaria de Cusanca

Pousada, Dalama e Fariñas, concelleiros socialistas en O Irixo.
photo_camera Pousada, Dalama e Fariñas, concelleiros socialistas en O Irixo.
Os socialistas piden que a maquinaria municipal, contando con tractores e camións, atenda as necesidades dos veciños

A Corporación municipal do Irixo reunirase o sábado 22 de maio nunha sesión extraordinaria que foi solicitada polo grupo do PSOE para abordar dúas propostas. Unha delas é unha moción en apoio aos veciños que reclaman unha concentración parcelaria na parroquia de San Cosme de Cusanca, co fin de pedir tamén á Xunta o inicio dos traballos así como a organización de reunións informativas nas demais parroquias. 

Entende o grupo socialista que o concello ten que ir moito máis alá que un compromiso verbal e individual do alcalde cos veciños de San Cosme de Cusanca en apoio á concentración parcelaria que veñen pedindo dende fai anos e que o pleno municipal debe pronunciarse apoiando a petición.

Recordan os socialistas que recentemente os veciños crearon unha plataforma e levan celebrado diversas reunións e encontros para conseguir os apoios necesarios para que a Xunta de Galicia aprobe dita solicitude de concentración parcelaria e se poidan iniciar os traballos oportunos.

Por outra banda, este grupo tamén defenderá nesta sesión extraordinaria que solicitou unha proposta, segundo afirma "sabendo da necesidade dos veciños de contar para traballos propios con maquinaria apropiada, considérase moi oportuno poñela a disposición de tódolos veciños en xeral", referíndose á maquinaria da que dispón o Concello do Irixo: retroescavadora, tractor desbrozadora, camión elevador, entre outras, para que sexa utilizada por a veciñanza.

Te puede interesar