Os veciños voltarán á Carballeira da Garrida tras catro anos sen protagonizar esta tradición

O pobo de Dacón recuperará o día 25 o Belén vivinte

O Belén vivinte de Dacón seguirá sendo este ano un punto de referencia no Nadal da provincia e do resto de Galicia, tra-la súa desaparición no 2009 por falta de motivación e medios económicos. Unha tradición que a asociación de veciños desta localidade do municipio de Maside considerou que non se debería perder, tra-lo seu inicio no ano 1987 e desenvolvemento interrumpido ata o 2006 na Carballeira da Garrida, unha paraxe natural na que non faltaba un 'castelo de Herodes' e un 'muíño' a pleno rendemento.
'Fixemos unha xuntanza o 19 de novembro a nivel da asociación para tentar recuperar esta tradición, que por falta de orzamento organizouse no adro da igrexa parroquial nos anos 2007 e 2008, e xa apareceron alguns voluntarios', sinala Ana Otero, secretaria do colectivo e promotora da iniciativa.

Nunha reunión posterior, celebrada o pasado domingo, incrementouse o número de feligreses da parroquia 'e este sábado, un grupo deles xa vai acondicionar a carballeira, coa axuda dun tractor que cede o Concello de Maside, a fin de tela en condicións para a xornada do 25, na que calculo que máis de medio cento de veciños voltarán a escenificar os seus papeis na lembranza do Nacemento'.

Entre eles, pastores, labregos, ferreiros, carpinteiros, lavandeiras, cociñeiras, que representan a cultura tradicional galega, e as personaxes bíblicas de Herodes, Xosé, María, o Neno Xesús, xudeus, romanos e os Reis Magos cos seus paxes.

Ana Otero apunta que 'tras facer varias xestións, conquerimos unha pequena axuda de 1.280 euros para os gastos de infraestructura'. A cita nesta vixesimoterceira edición será o día de Nadal a partires do mediodía, na Carballeira da Garrida, en Dacón.

Te puede interesar