O premio Losada Diéguez serve para reivindicar a cultura de Galicia desde O Carballiño

photo_camera La casa familiar de Losada Diéguez figura clave del galeguismo y la Xeración Nós, abrió sus puertas para la entrega de la 38 edición del premio que lleva el nombre del intelectual, y que en esta ocasión recayó en los escritores Moncha Fuentes y Manolo Fernández.
Os escritores Moncha Fuentes e Manolo González foron galardoados onte no pazo de Moldes

O pazo de Moldes, a casa familiar de Losada Diéguez abriu onte as súas portas con motivo da entrega do 38 edición do premio impulsado polos concellos de O Carballiño e Boborás para reivindicar o legado que deixou o grande intelectual, galeguista e escritor, figura clave da xeración Nós. Nunha calorosa xornada de san Xoán, medio cento de persoas asistiron a un sinxelo pero reivindicativo acto de entrega do galardón a Manolo González por “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega” na categoría de Investigación e Ensaio. E, na modalidade de Creación Literaria, a Moncha Fuentes por “O tradutor de sombras”, unha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos. 

Sorprendido e abrumado por estar no “olimpo das persoas que me anteceden”, Manolo González coincidiu co recollido na acta do premio, no sentido da súa intención de facer unha biografía, unha reivindicación dun pioneiro pouco coñecido do audiovisual galego como José Cid. “O que non se nomea, non existe”, dixo González, para acto seguir reivindicar, non só a destacada traxectoria deste artista case descoñecido do audiovisual, senón de todo o patrimonio fotográfico e cinematográfico que se está a perder no país.

“E Gil, si estivese hoxe aquí, o faría. Lamentaría a perda das latas”, dixo, enfatizando que só sete das 150 películas de Gil se conservan a día de hoxe. “Coa subvención que Xunta de Galicia e Deputación a unha soa película galega se podería pasar a 4K (vídeo Full HD), boa parte do noso patrimonio cinematográfico e poñelo a disposición da cidadanía nunha plataforma única. Entre elas, todas as pelis de Gil”, dixo pedindo as institución que traballen para manter a memoria cinematográfica. 

Moncha Fuentes, da que o xurado destacou o uso extraordinario do idioma e do que supón a obra para a normalización e consolidación do sistema literario, agradeceu o galardón e destacou a figura de Losada Diéguez. “Parece innegable que sombras pesadas ameazan a lingua e as nosas liberdades, por iso máis ca nunca, este premio supón un aire de frescor que nos incita a reflexionar sobre o devir da nación ao tempo que honra a memoria do que foi un membro influente da xeración Nós, das irmandades da fala e peza fundamental do nacionalismo galego”, dixo, para acto seguido describir a súa novela, que arranca un mes de setembro na cidade das Burgas e engloga tres vivencias no eixo Ourense-Vigo.

Dende O Carballiño, Francisco Fumega agradeceu aos premiados o compromiso coa cultura do país: “Un país con cultura é un país con progreso, con futuro e, dende logo, un país que ten vixencia”, dixo. A alcaldesa de Boborás e deputada Patricia Torres, tivo unha mención especial para os rexedores impulsores deste galardón, que vai camiño das catro décadas: Cándido Cabanelas e Argimiro Marnotes pai. E subliñou o seu afán para seguir fomentando este berce do galeguismo “traballando nesa liña de recuperar a memoria,  xunto coas outras fundacións tamén da xeración Nós, esa xeración tan importante para Galicia”, dixo. 

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aproveitou a intervención para facer unha reflexión da cultura galega. “No caso do audiovisual, temos un sector que crea postos de traballo, que está internacionalizado, e constitúe un dos sectores da cultura galega en pleno desenvolvemento”, dixo, aludindo tamén ao nivel da produción literaria “onde dende 2017 temos 17 premios nacionais de creación literaria, xornalismo cultural, de arquitectura…”, enumerou.

As gaitas das terras de Arenteiro puxeron o broche musical ao acto nunha mañá que comezou coa misa na igrexa de San Mamede -coa participación do Orfeón do Carballiño- e posterior ofrendas florais a Antón Losada Diéguez e Manuel Chamoso Lamas. No certame -dotado con 6.000 euros en cada categoría- resultou finalista o poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias ‘A árbore que dá as lágrimas de Shiva’.

Te puede interesar