O público premiará o mellor espectáculo do ’Festival do Teatro Galego’ carballiñés

LR- O ’Festival do Teatro Galego’ do Carballiño (Fetega) acada entre os días 3 e 7 de setembro a súa cuarta edición baixo a organización da compañía Nove Dous e a empresa Arteficción, e con cinco representacións. Un xurado de expertos e o propio público premiarán as mellores montaxes.


A vila do Arenteiro acollerá dende o 3 ó 7 de setembro o ’Festival do Teatro Galego’ (Fetega), organizado pola compañía carballiñesa Nove Dous e a empresa Arteficción, de Ourense. A programación para este ano ’é variada, xa que combina comedia, teatro contemporáneo, clásico e de rúa co espectáculo musical’, apuntou Josi Lage, da organización.

O Auditorio municipal do Carballiño será a sede estable das funcións, ás 22,30 horas e cun prezo de cinco euros. O luns día 3 será o turno de Fulano, Mengano e Citano, que ofrecerán ’Arte’, mentres a agrupación anfitriona, Nove Dous estrea o martes a montaxe ’As veces sentí monos tan cansos que facemos estas cousas’. Teatro do Noroeste presentará o mércores o drama ’Romeo e Xulieta’, rematando o xoves a compañía Bacana con ’Hendaya, mon amour’.

Obradoiro

Pero ademais haberá representacións nas rúas do Carballiño a cargo do veterán grupo Picompé, que elexiu o espazo da praza Irmáns Prieto para involucrar o máis posible ós espectadores. Os espectáculos iniciaranse as oito da tarde do luns con ’Kasting’, e continuarán á mesma hora do martes con ’A dragona e o cabaleiro’, para pechar a programación o mércores, ás 18,30 horas, cun obradoiro de circo orientado especialmente ós rapaces.

 

Te puede interesar