Os actores galegos recoñecen a laboura de Rubén García co premio Marisa Soto

O impulsor dende os anos setenta das Mostras de Teatro Abrente e da Mostra de Ribadavia, Rubén García, será galardoado co Premio de Honra Marisa Soto 2008, co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere resaltar a súa singular aportación ó mundo das artes escénicas galegas.

O impulsor dende os anos setenta das Mostras de Teatro Abrente e da Mostra de Ribadavia, Rubén García, será galardoado co Premio de Honra Marisa Soto 2008, co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere resaltar a súa singular aportación ó mundo das artes escénicas galegas.

O recoñecemento entregarase o 27 de marzo, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, no marco da gala dos Premios de Teatro María Casares 2008. Nacido en Ribadavia no 1951, Rubén García foi un dos pioneiros da entón incipiente escena galega, e participou na creación das Mostras de Teatro Galego Abrente, na súa vila natal.

Destas xornadas derivaría, xa a partir de 1984, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que actualmente é o gran escaparate das artes escénicas do país, e da que foi director. García foi, ademais, responsable de nove Feiras do Teatro de Galicia, e animador incansable do panorama teatral do país. Con este Premio de Honra Marisa Soto, os actores e as actrices de Galicia queren, a través da súa asociación, recoñecer o traballo de Rubén García como figura central no desenvolvemento das artes escénicas galegas.

Candidaturas

Por outra parte, a AAAG confirmou que a Festa dos Nominados dos Premios María Casares vai celebrarse o vindeiro luns 10 de marzo, no edificio do Centro Galego de Arte Contemporánea, (CGAC) en Santiago de Compostela, ás oito da tarde. Neste evento coñeceranse os nomes dos candidatos a recibir os galardóns nas diversas categorías, uns premios que só se desvelarán na gala do día 27. Neste ano no que se cumpren 30 anos do teatro profesional de Galicia, a AAAG quere facer especial fincapé na importancia dos oficios que rodean o feito escénico, e que traballan entre os panos para que o público poida gozar con cada un dos espectáculos.


Te puede interesar