A compañía Voadora estrea o seu Shakespeare en galego

Inauguración no atrio de Santo Domingo coa entrega de premios a Laura Tato e Manuel Vieite.
photo_camera Inauguración no atrio de Santo Domingo coa entrega de premios a Laura Tato e Manuel Vieite. (FOTO: JOSÉ PAZ)
Cen persoas traballan nesta nova edición da Mostra na que é necesario multiplicar esforzos

O conxunto monumental de Santo Domingo foi o escenario elexido para o acto oficial de inauguración da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que reuniu a representantes de distintas institucións locais, provinciais e autonómicas. A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, e o director do festival, Roberto Pascual, presentaban esta nova edición na que hai que multiplicar esforzos e traballo dada a actual situación sanitaria. Así o apuntaba a concelleira de Cultura, Paula Rodríguez, sinalando que a mostra nesta edición “quere demostrar a necesidade social e económica que existe deste tipo de actividades e da cultura en xeral”. 

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, transmitía a “satisfacción da Xunta de seguir apostando de xeito claro por este festival, polo que significou ao longo de xa case catro décadas, polo que está a conseguir nun presente marcado pola incerteza, e pola súa indubidable proxección de futuro”.

A previsión desde a organización é a de completar todos os aforos tendo en conta o ritmo da venda de entradas. Así, sinalan os reponsables municipais que “un dato a destacar é que nas dúas primeiras xornadas de venda, as localidades para case a metade dos espectáculos esgotáronse, e isto é un dato insólito na MIT”.

Este ano tamén destaca o incremento de gasto en seguridade e confort, con desinfeccións antes e despois das funcións e realizando probas PCR ás compañías que veñen do estranxeiro. “Todas chegan a Ribadavia con carné de vacinación ou con probas negativas”, sinalan.

Para cumprir con toda a normativa que se esixe por parte da Xunta de Galicia, a organización conta cun equipo de traballo integrado por unhas 100 persoas, entre profesionais e voluntarios.

Se onte abría o telón no castelo a compañía belga Needcompany coa obra “Billy’s Violence”, esta noite, ás 23,00 horas, no auditorio Rubén García, cóntase coa compañía de teatro de vangarda dirixida por Marta Pazos e o seu terceiro Shakespeare, con María Vázquez no papel de Desdémona, acompañada do elenco habitual: Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, Hugo Torres e Joaquín Abella. A peza, estreada en maio no Teatro de La Abadía, é unha adaptación transgresora da traxedia, asinada polo dramaturgo Fernando Epelde, atravesada pola posverdade e as violencias machistas, na que as personaxes femininas asumen o protagonismo. “Othello” de Voadora estrease en galego na Mostra Internacional de Teatro. O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT, o Teatro de La Abadía e o Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas.

Comezan os foros da MIT coa directora Marta Pazos

Para este sábado, ademais de Voadora coa adaptación de “Othelo”, ás 23,00 horas, no auditorio Rubén García, o programa contempla tamén unha comedia da compañía Teatro del Barrio, procedente de Madrid. Será ás 21,00 horas no auditorio Manuel María da Casa da Cultura. 

A comedia “Los que hablan” pretende reencontrar, borradas todas as pistas, a experiencia do personaxe orixinario do escenario, a experiencia animal do primeiro falante. Non é a novidade o que ansía este espectáculo, senón devolver ao espectador ao elemental. Esta xornada rematará co comenzo dos foros da MIT. O coloquio nesta ocasión será coa directora Marta Pazos, no patio de Turismo.

Te puede interesar