A expropiación de 34 hectáreas permitirá construir o parque industrial de Castrelo

O futuro polígono empresarial de Castrelo de Miño estará situado en terrenos da parroquia de Prado e abarcará unha superficie de 341.530 metros cuadrados (34 hectáreas), según as previsións que o equipo municipal de goberno contempla no Plan Xeral de Ordenación (PXOM).
Este proxecto industrial suporá para o Concello acometer un proceso de expropiación, que aínda está pendente de perfilar administrativamente, pero que precisa dun investimento aproximado de 150.000 euros para a adquisición dos citados terreos. As autoridades municipais confían en obter o respaldo económico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para executar a compra ó traverso de Xestur Ourense.

Ademais, solicitarán deste organismo a axuda necesaria para levar a cabo a urbanización das parcelas correspondentes, que según un estudio económico tería un custe superior ós 2,5 millóns de euros.

Nembargantes, a planificación urbanística de Castrelo está pensada a medio prazo, e o Concello aínda está a traballar nestes intres na dotación de equipamentos públicos para os veciños. Así, nas inmediacións do Parque Náutico de Galicia, na localidade de Barral, estáse a facer unha ampliación das instalacións do campo da feira e das zonas recreativas e axardinadas colindantes.

O obxectivo é acadar unha superficie total de 11.580 metros cadrados (deles 3.000 de xardíns), cun investimento aproximado de 400.000 euros. Neste mesmo entorno, atópanse a Casa do Concello e as piscinas municipais, que tamén foron acondicionadas.

Te puede interesar