O PSdeG insta a Medio Rural a impulsar a promoción do sector vitivinícola de Galicia

Unha imaxe da recolleita de uva, na vendima pasada. (Foto: Martiño Pinal)
O grupo socialista no Parlamento de Galicia instou ó conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, a manter as actuacións do anterior Goberno autonómico en prol da promoción das infraestructuras, comercialización e difusión exterior dos viños galegos.
A voceira de Agricultura do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Sonia Verdes, acusou ó conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, de non presentar medidas e iniciativas para a promoción do sector vitivinícola na comunidade autónoma. A deputada do PSdeG-PSOE interviu onte no Pleno da Cámara Autonómica trala comparecencia do conselleiro, que fixo un balance da campaña da vendima.

Neste sentido, Sonia Verdes acusou ó conselleiro de ‘vanagloriarse dos resultados da colleita’, pero lembroulle a Samuel Juárez que ‘vostede vive de rendas do anterior goberno, porque xa había brotes nas cepas cando chegou á Xunta’. A parlamentaria socialista argumentou que, ‘dende que foi nomeado conselleiro, non presentou ningunha actua ción, ningunha medida para apoiar e impulsar o sector vitivinícola e así continuar co traballo feito polo anterior goberno’.

Sonia Verdes apuntou que o bipartito ‘apostou pola mellora e o impulso da produción vitivinícola como instrumento revitalizador e motor de dinamización e de diversificación económica do Medio Rural, e pola comercialización de cara a novos mercados, así como a mellora das condicións laborais dos viticultores’.

Infraestructuras

A voceira do PSdeG-PSOE aludiu ós plans específicos de impulso ó sector, coma o deseñado para as Denominacións de Orixe Ribeiro e Monterrei, e os de mellora das infraestructuras nas zonas de produción amparadas. Sonia Verdes tamén suliñou ‘a aposta feita polas producións de calidade e polo mellor aproveitamento dos recursos endóxenos e a promoción da comercialización dos nosos viños, poñendo en marcha as Rutas do viño’.


Te puede interesar