O PSOE critica a subida de tasas en dependencia

O coordinador da área social da executiva do PSdeG de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge, afirma que o decreto de Servizos Sociais Comunitarios aprobado recentemente pola Xunta 'incrementa o copago notablemente aos servizos sociais básicos'. O socialista, alcalde de Ribadavia, advirte sobre a retirada da financiación a tódolos concellos de menos de 20.000 habitantes, trasladando esta obriga ás deputacións pero sen transferirlle os recursos correspondentes.
Blanco critica que a Xunta 'teña reducido as transferencias precisamente no momento de máis dificultades económicas, o que suporá unha peor atención'.


PAGOS

Segundo Blanco Jorge, 'os galegos que teñan ingresos superiores aos 532 euros terán que pagar os servizos da dependencia. Así por exemplo, unha persoa cunha renda de 1.251 euros que precise de 90 horas de atención, que estaba a pagar 183 euros, agora terá que pagar 316'.

O coordinador da Área Social adverte que a Xunta ven de reducir nun 47 por cento as partidas destinadas ao Plan Concertado e os Servizos Sociais comunitarios, pasando de 23,5 millóns de euros en 2011 aos 12,4 dos orzamentos de 2012. 'Esta minoración deixa as aportacións da Xunta neste sentido por debaixo mesmo dos 15 millóns de euros que orzamentou o Goberno de Manuel Fraga en 2005. Si o comparamos co último presuposto do anterior Goberno socialista, a redución é de máis de 18 millóns de euros', sinalou.

Marcos Blanco denuncia tamén que o Goberno galego ven de incrementar as obrigas para os concellos sen incluír o financiamento pero que deberán agora inspeccionar os servizos.

Te puede interesar